- Convidado pola Asociación Española de Directivos (AED), dará a coñecer esta mesma tarde, a través de videconferencia, o plan de acción de Sogama ante a pandemia do coronavirus e as súas vivencias persoais e profesionais.
- O obxectivo deste encontro, no que estarán presentes de forma virtual destacados profesionais que lideran as principais compañías do tecido produtivo do noso país, é propiciar o intercambio de coñecementos, impresións e boas prácticas.
Cerceda, a 7 de maio de 2020.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi invitado pola Asociación Española de Directivos (AED) para participar esta mesma tarde, a través de videoconferencia, nun foro de directivos de grandes empresas no que dará a coñecer o plan de acción desta compañía pública fronte á crise sanitaria orixinada polo COVID-19, así como as incidencias e imprevistos cos que a entidade tivo que lidiar durante todo este tempo para dar continuidade ao seu servizo, catalogado como esencial.
O obxectivo deste encontro virtual é que destacados profesionais que lideran as principais compañías do tecido produtivo do noso país intercambien coñecementos, impresións e boas prácticas.
A sesión será introducida polo director xeral de AED, Xavier Gangonells, quen dará conta das iniciativas desta asociación ante o coronavirus. Acto seguido, terá lugar unha primeira rolda de intervencións na que cada relator explicará como está enfrontando a situación derivada da pandemia e como a está a vivir desde o punto de vista persoal e profesional.
Xa no segundo bloque de intervencións, os participantes aportarán as súas opinións sobre as perspectivas de futuro e as limitacións que é necesario superar para seguir avanzando cara ao crecemento sostible.
SOBRE OS CÍRCULOS DE AED
Os Círculos de AED consisten en grupos restrinxidos de directivos con perfís profesionais e intereses comúns que intercambian experiencias en relación con aspectos clave para o desenvolvemento da súa actividade profesional como líderes de organizacións.
O obxectivo destes Círculos é fundamentalmente compartir ideas e ter un mellor coñecemento sobre as implicacións e consecuencias da crise do Covid-19, reforzar a conexión co ecosistema empresarial, propiciar relacións persoais de alto valor e identificar novas oportunidades de actuación e de colaboración entre directivos e empresas.
Saúdos, Departamento de Comunicación