- Terá lugar en Santiago de Compostela o próximo 26 de marzo (Auditorio ABanca), configurándose como unha das accións orientadas a axudar á entidades locais a mellorar a xestión dos residuos municipais, prestando especial atención á fracción orgánica.
- Domínguez intervirá no bloque temático centrado en modelos exitosos a escala local, como é o caso do programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal xa se distribuiron preto de 10.000 composteiros entre máis de 290 entidades.
- A redución do desperdicio alimentario cobrará tamén especial protagonismo da man de expertos na materia, dando voz a profesionais de distintos sectores, incluíndo a propia hostalaría.
Cerceda, a 21 de marzo de 2019.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participará o próximo 26 de marzo nunha xornada que, baixo o lema “Pensa en circular. Xestión de Biorresiduos”, organiza a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que terá lugar, a partir das 10:00 horas, no Auditorio ABanca de Santiago de Compostela.
O encontro enmárcase no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022 e constitúe unha das accións orientadas precisamente a axudar á entidades locais a mellorar a xestión dos residuos municipais, prestando especial atención á fracción orgánica.
Con tal fin, o evento estrutúrase en tres bloques diferenciados. O primeiro centrarase no propio marco institucional da xestión, participando no mesmo diferentes responsables da administración pública e institucións privadas que exporán as políticas estatais e autonómicas en materia de residuos e nun marco de economía circular. É o caso de Margarita Ruiz, do Ministerio para a Transición Ecolóxica; Anabel Rodríguez, da Fundación para a Economía Circular; e Rafael López, da Rede Española de Compostaxe.
O segundo bloque recrearase en modelos exitosos a escala local, contando para isto coas achegas de responsables de empresas e organismos que traballan neste ámbito a fin de que expliquen as súas experiencias e grao de desenvolvemento. Alí estará Henrique Silva, de Lipor; José Vicente Anaya, Alcalde do Concello de Ayora (Valencia); e Javier Domínguez, presidente de Sogama, quen abordará, entre outras cuestións, o programa de compostaxe doméstica liderado por esta compañía pública e que permitiu xa a distribución de cerca 10.000 composteiros entre máis de 290 entidades (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais).
No terceiro e último bloque cobrará protagonismo o desperdicio alimentario, dando voz a profesionais do mundo da hostalaría, do marketing empresarial, e de entidades especializadas en solucións tecnolóxicas e do ámbito científico, os cales porán sobre a mesa as súas iniciativas e bagaxe nesta área. Neste módulo intervirán Héctor Barco, da Universidade de Deusto; Paco López, da Iniciativa Too good to go; Antonio Cortés, de Gadisa; e Susana Barrachina, de Vegalsa-Eroski.
Inscricións en https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScB8lnkoBZwG6AYnVPbH28XZ1hai6Ax-VbuUjVG0qCX1P5jSQ/viewform
Saúdos, Departamento de Comunicación