- A través destes galardóns, a Asociación Profesional de Empresas Ambientais de Galicia recoñece aquelas iniciativas e proxectos en favor do medio ambiente e o desenvolvemento sostible da nosa comunidade.
- O evento terá lugar o vindeiro xoves, 3 de xuño, ás 13:00 horas, no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.
Cerceda, ao 1 de xuño de 2021.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participará o vindeiro xoves, 3 de xuño, no acto de entrega dos premios “Medio Ambiente APROEMA”, que terá lugar no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.
Recoñeceranse así os proxectos ambientais de carácter innovador, executados durante o período 2018-2020, promovidos por entidades públicas, privadas, empresas e centros académicos en ámbitos tales como a conservación e mellora da contorna natural galega, xestión de residuos, valorización, campañas de concienciación ambiental e outras áreas de interese.
O obxectivo do concurso, impulsado pola Asociación Profesional de Empresas Ambientais de Galicia, e que alcanza a súa quinta edición, é poñer en valor o esforzo realizado por determinadas entidades na instauración de iniciativas que contribúan á transición cara a un modelo económico circular que minimice o consumo de materias primas, recupere os residuos xerados como recursos valiosos para o proceso produtivo e promova a eficiencia enerxética.
Xunto co máximo responsable de Sogama, contarase coa asistencia da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos; o vicepresidente primeiro da FEGAMP, Alfonso Villares Bermúdez; o Especialista en Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, Bruno de Llano Gómez-Ulla; e a presidenta de APROEMA, Arancha Mañas Álvarez.
O evento tamén será retransmitido en directo pola canle de Youtube de APROEMA a través desta ligazón HTTPS:// BIT. LY/2 QT16CA
Saúdos, Departamento de Comunicación