- Esta histórica competición hípica, que alcanza xa a edición número 32, deu comezo onte, 3 de agosto, e estenderase ata o vindeiro domingo, día 6
- Ao longo dos anos, o evento foise impregnando de grandes doses de sostibilidade, xa que, máis aló de reducir a mínimos a súa pegada ecolóxica, inclúe tamén actividades ambientais, como é o caso do programa “Reciclaxe creativa”, patrocinado por Sogama, e un mercado de pequenas firmas artesanais e verdes
Ferrol, ao 4 de agosto de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, participou esta mañá no acto inaugural da 32º edición de Equiocio 2023, unha histórica competición hípica que se foi impregnando con grandes doses de sbilidade, pois, máis aló de reducir a mínimos a súa pegada ecolóxica, contempla accións vinculadas á protección do medio ambiente, á divulgación da arte, ao compromiso social e á promoción turística. E todo iso combinado con actividades de lecer familiar e vida saudable nunha contorna natural única como é o Campo das Cabazas, en Covas-Ferrol.
Sogama está presente nesta cita a través do patrocinio do programa “Reciclaxe Creativa”. Os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) son os protagonistas indiscutibles deste espazo ambiental vinculado específicamente á xestión sostible dos residuos municipais e no que se forma sobre a necesidade de minorar a súa xeración a través dun consumo consciente e responsable; de alongar a vida útil dos produtos ata que son convertidos en refugallos; e de clasificalos por tipoloxías, depositando cada fracción no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas.
Os talleres compleméntanse coa fabricación de elementos decorativos a partir de residuos de diversa orixe: madeira arrastrada polas correntes aos areais, que é convertida en espellos, andeis, lámpadas, etc, ou ben teas de velas de barco coas que se fabrican bolsos e complementos. En definitiva, distintos exemplos de economía circular.
Así mesmo, Equiocio Ferrol creou un mercado de firmas artesanais e verdes, EcoMarket, co que pretende apoiar a pequenos produtores das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
O programa de actividades compleméntase cunha ampla oferta gastronómica que inclúe a alimentación vegana, así como a das persoas celíacas.
Saúdos, Departamento de Comunicación