- Intervirá como relator na mesa redonda que leva por título “Retos e solucións para a xestión de residuos e a economía circular en Galicia”
- O evento tamén servirá de escenario para a entrega dos galardóns correspondentes á VI Edición dos Premios Medio Ambiente Aproema
Cerceda, a 21 de novembro de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, a invitación da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP), participará no II Foro “Empresa Sostible”, que esta entidade organiza coa colaboración da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais (APROEMA), e que terá lugar o próximo 28 de novembro, no hotel Pazo dos Escudos de Vigo.
A celebración deste foro enmárcase no convenio de colaboración subscrito pola Confederación pontevedresa coa Consellería de Emprego e Igualdade, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as organizacións sindicais participantes no Diálogo Social en Galicia.
En concreto, Domínguez Lino intervirá como relator na mesa redonda que leva por título “Retos e solucións para a xestión de residuos e a economía circular en Galicia”, e na que participarán Natalia Soto, Responsable de Calidade, Medio Ambiente e Seguridade Alimentaria de Ceamsa; Gustavo Villasuso, Delegado de Urbaser na provincia de Pontevedra; e Antonio Romero, director de Economía Circular de Mercadona.
Pola súa banda, a segunda mesa “As enerxías renovables no impulso da sostibilidade en Galicia”, que moderará Ulises Varela Ruibalver, socio xerente de Xenera, contará coas achegas de José Luis Salgueiro, Técnico de Innovación de Asime; Francisco Silva, Delegado de Iberdrola en Galicia; Carlos Botana, presidente do Porto de Vigo; e Eric Larguet, director técnico de Congalsa.
O evento servirá de escenario para o acto oficial de entrega dos galardóns correspondentes á VI Edición Premios Medio Ambiente Aproema, orientados a recoñecer os esforzos das empresas e organizacións que demostraron un compromiso sobresaliente coa protección do medio ambiente e a sostibilidade en Galicia.
Unha conferencia de Emilio Matur, director de Augas e Sostibilidade de Corporación Hijos de Rivera, pechará a xornada.
Saúdos, Departamento de Comunicación