- No evento déronse cita unha trintena de representantes e directivos de empresas públicas de xestión de residuos de Cantabria, Asturias, País Vasco e Galicia
- O obxectivo da xornada era poñer en común coñecementos, experiencias, proxectos, retos e desafíos que afectan as catro comunidades en materia de residuos, toda vez que comparten características no ámbito xeográfico, orográfico, idiosincrático e alta dispersión da poboación
- Neste marco, organizáronse diferentes grupos de traballo a fin de que os integrantes dos mesmos avaliasen conxuntamente como afectará ao seu desempeño a nova normativa
- Domínguez explicou as melloras introducidas na xestión de Sogama durante os últimos anos, así como a rede de infraestruturas que se porá en marcha para xestionar e tratar a materia orgánica recollida de forma separada a través do contedor marrón
Cerceda, a 6 de xullo de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, acompañado por responsables da área Xurídica, Técnica e Comunicación desta compañía, viaxou a Santander para participar no I Encontro de empresas públicas de xestión de residuos da Cornixa Cantábrica, celebrado onte, 5 de xullo.
A xornada, promovida e coordinada por MARE (empresa pública de Medio Ambiente, Auga e Enerxía de Cantabria), e inaugurada polo conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Guillermo Blanco, reuniu a unha trintena de representantes e directivos de SOGAMA, MARE, COGERSA (Consorcio para a Xestión dos Residuos Sólidos de Asturias), GARBIKER (Empresa Pública de Xestión de Residuos da Deputación Foral de Bizkaia) e GHK (Consorcio de Residuos de Gipuzkoa) co obxectivo de poñer en común coñecementos, experiencias, proxectos, retos e desafíos que afectan ás catro comunidades en materia de residuos, tomando como referencia a normativa vixente.
Neste marco, organizáronse diferentes grupos de traballo (corporativo; xurídico e recursos humanos; técnico e mantemento; así como comunicación e educación ambiental) coa pretensión de que os integrantes dos mesmos avaliasen conxuntamente como afectará ao seu desempeño a nova lei estatal de residuos.
GALICIA, COMUNIDADE DE REFERENCIA
Durante a súa intervención, Javier Domínguez explicou con detalle a actividade da Sociedade Galega do Medio Ambiente desde a súa dimensión industrial, económica, ambiental e social, facendo especial fincapé na adopción das últimas tecnoloxías dispoñibles para que os seus procesos industriais sexan eficientes, competitivos e sostibles, logrando compatibilizar desta forma a operativa de tratamento dos refugallos coa protección do medio ambiente e a saúde pública. Proba disto son os baixos niveis de emisións á atmosfera, que se atopan moi por baixo dos límites legais.
Falou tamén da ampliación do Complexo Medioambiental cunha nova planta que funciona en liña coa industria 4.0 e a través da cal conséguese separar, do lixo en masa, os materiais susceptibles de ser reciclados, que se remiten aos centros recicladores. Esta instalación posibilitou que a capacidade de tratamento de Sogama se vira incrementada nun 81%, pasando de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000.
Referiuse igualmente á oportunidade que esta compañía autonómica representou para a creación de emprego, con 1.000 postos de traballo (entre directos e indirectos) e a súa indiscutible contribución á educación ambiental da poboación no ámbito dos residuos.
É un feito, avalado con datos, que as melloras introducidas na súa xestión durante os últimos anos posicionaron a esta entidade como a máis eficiente e moderna no continente europeo, ademais de punto de referencia para o resto do mundo.
Tal e como manifestou Domínguez, “Con 30 anos de camiño xa percorrido, quédanos aínda un longo traxecto por diante no que un dos protagonistas vai ser o contedor marrón e a infraestrutura que habilitaremos (4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia de apoio) para que a segregación da materia orgánica chegue a todos os recunchos de Galicia e que esta poida valorizarse a través da súa transformación en compost”.
Desta forma, a empresa axudará a incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade, coa garantía de que alcanzará o vertido técnico cero con anos de antelación ao establecido polo Parlamento Europeo, que fixou en 2035 o prazo límite para que os Estados Membros só depositen en vertedoiro aquela parte dos residuos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Saúdos, Departamento de Comunicación