- No marco dun convenio subscrito coa Consellería de Educación para o desenvolvemento dun proxecto piloto de FP dual, o grupo reuniuse con representantes de Valtalia e Sogama, empresas que acollerán en prácticas a dous alumnos/as que cursan Mecatrónica industrial.
- O encontro foi aproveitado para que estudantes e profesores realizasen unha visita guiada á nova planta de recuperación de materiais, que opera en liña coa industria 4.0, e tivesen así a oportunidade de coñecer os seus procesos.
- A previsión é que o período de prácticas comece o próximo mes de abril e conclúa o 31 de agosto de 2022.
Cerceda, a 22 de xaneiro de 2021.- Tomando como referencia o convenio de colaboración subscrito no seu momento coa Consellería de Educación para o desenvolvemento dun proxecto piloto de Formación Profesional dual, e no que Sogama e a firma Valtalia comprometéronse a acoller en prácticas a alumnos/as do IES Monte Neme de Carballo (A Coruña), esta mañá celebrouse, (con todas as medidas de seguridade e protección enmarcadas na Covid, como non podía ser doutro xeito) unha xuntanza de coordinación co fin de concretar o papel a desempeñar por cada parte.
O proxecto curricular deseñado xira en torno á Mecatrónica industrial, e a nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0 baixo a xestión directa de Valtalia, constitúe o escenario idóneo para que os mozos poidan aplicar os coñecementos adquiridos durante os primeiros meses de actividade escolar.
TEORÍA E PRÁCTICA EN PLENA SINTONÍA
O itinerario educativo combina o ensino no instituto carballés e nas propias instalacións de Sogama coa pretensión de que os estudantes adquiran as competencias necesarias na súa área de especialización para acceder ao mercado laboral con maiores oportunidades e garantías.
O presidente desta empresa pública, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de dar a benvida ao grupo, mostrando a súa satisfacción pola participación de Sogama na formación de futuros profesionais que desenvolverán o seu traballo en sectores en auxe e con boas perspectivas de futuro.
O Técnico de Asesoría Xurídica e Responsable de Seguridade de Sogama, José Manuel Pallas, presente tamén na xuntanza, é o encargado de facer o seguimento desta colaboración a fin de que resulte de utilidade, mantendo unha interlocución permanente co profesorado do instituto e os portavoces de Valtalia.
A xornada foi aproveitada para que o grupo realizase unha visita guiada á nova planta de recuperación de materiais, onde se recepciona a bolsa negra (lixo convencional) para separar, utilizando as tecnoloxías máis innovadoras, os distintos tipos de materiais susceptibles de ser reciclados, remitíndoos posteriormente á industria transformadora para ser convertidos en novos produtos.
Sogama acollerá en prácticas a dous estudantes, aos que sufragará o importe das bolsas. A previsión é que comecen o próximo mes de abril e conclúan a súa formación o 31 de agosto de 2022.
Saúdos, Departamento de Comunicación