- Adxudicada por máis de 1,8 M€ (IVE incluído), estase a construír no polígono industrial de Racelo sobre unha parcela de 2.273 m2
- Con capacidade para máis de 5.000 t/ano, poderá transvasar tanto a bolsa amarela como a bolsa negra e, no seu momento, a materia orgánica (FORSU), recollida de forma selectiva a través do contedor marrón
- A instalación tamén dará servizo aos municipios Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas
- A previsión é que a obra estea culminada en maio de 2023
A Lama, a 16 de novembro de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, acompañado polo alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, supervisou esta mesma mañá o avance das obras da nova planta de transferencia da Lama (Pontevedra), que substituirá á microplanta que, durante anos, operou neste municipio.
A nova planta, adxudicada por importe de 1.829.015 euros (IVE incluído), levántase no polígono industrial de Racelo sobre unha parcela de 2.273 m2 e contará cunha superficie construída duns 600 m2.
Con capacidade para máis 5.000 toneladas anuais de residuos urbanos, poderá transvasar tanto os envases lixeiros (bolsa amarela) como a fracción resto (bolsa negra) e, no seu momento, a materia orgánica (FORSU) recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, en proceso de implantación en Galicia.
Ademais de dar servizo ao municipio da Lama, a instalación tamén estará ao dispor dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.
DOTACIÓN
A nave disporá dun compactador fixo, unha báscula e un sistema de translación de contedores (con capacidade para dúas unidades), posibilitando que se independice en certa medida o funcionamento da planta do transporte, que en momentos puntuais pode sufrir atrasos por variacións nas condicións do tráfico, posibles avarías, indisposición dos condutores, etc.
Tamén estará dotada cun aparcadoiro de contedores, un edificio de oficina, vestiario e almacén, e cunha depuradora de augas residuais.
Así mesmo, autoabastecerase enerxeticamente con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables para facer fronte ao cambio climático.
REDE CONFORMADA POR 17 INSTALACIÓNS
A previsión é que a obra da planta da Lama, cofinanciada polos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, estea culminada en maio de 2023, pasando a integrarse na rede de infraestruturas promovida pola Xunta para valorizar a materia orgánica procedente da recollida selectiva.
Esta rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos (Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Verín, en Ourense; e Cerceda, na Coruña -esta última en funcionamento-) e 13 plantas de transferencia (6 de nova construción e 7 a adaptar) que contarán cun punto de transvasamento para a fracción orgánica, que será remitida á planta de biorresiduos máis próxima para a súa conversión en compost.
Estas 17 instalacións permitirán que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Saúdos, Departamento de Comunicación