- A súa reconversión foi executada no marco do programa #Mestradeobra, promovido polos centros de formación e recursos do profesorado, e desenvolvido de acordo co Sistema Lupo, un método que aúna arquitectura e pedagoxía
- Con este proxecto, cofinanciado por Sogama, recuperouse o espazo verde no patio do colexio e para isto deuse acceso ao mesmo desde a aula, permitindo o contacto directo dos escolares coa natureza nun contexto de aprendizaxe de valores
Cerceda, a 15 de decembro de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, desprazouse ao CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva (Cerceda-A Coruña) para coñecer in situ o resultado da reforma dunha das aulas deste centro educativo, executada baixo criterios de sostibilidade. O proxecto, enmarcado no programa #Mestradeobra, promovido á súa vez polos centros de formación e recursos do profesorado, foi desenvolvido conforme ao Sistema Lupo, un método que aúna arquitectura e pedagoxía.
Partindo da premisa de que o espazo educa, con esta iniciativa preténdese recuperar o espazo verde no patio do colexio, dando acceso ao mesmo desde a aula. Posibilítase así o contacto directo dos escolares coa natureza nun contexto de aprendizaxe de valores tales como o respecto, a empatía, a solidariedade e o coidado do medio ambiente e a saúde como elementos especialmente transcendentais para a vida e o crecemento persoal.
No interior, os mobles de madeira dan soporte ás actividades, mentres un falso teito acústico permite a absorción do ruído xerado.
O sistema LUPO lembra que os patios de xogo, cunha gran carga didáctica, constitúen o primeiro espazo urbano onde os roles e condutas se transfiern posteriormente ao espazo público, de aí a necesidade de preservalos.
RESPONSABILIDADE SOCIAL CORPORATIVA
Trátase dun traballo experimental no que colaborou o conxunto da comunidade educativa: desde o propio profesorado e alumnado ata pais, nais e familias, contando igualmente co apoio do Concello e distintas empresas asentadas en Cerceda, como é o caso de Sogama, que tamén quixo achegar o seu gran de area a través do cofinanciamento das obras executadas.
Ao respecto, Javier Domínguez manifestou que Sogama non pode nin debe obviar a contorna inmediata na que desenvolve o seu labor. “O noso compromiso co Concello de Cerceda aglutina o noso compromiso cos distintos sectores sociais, sendo o escolar un ámbito prioritario para esta empresa pública”. Así mesmo, o máximo responsable da compañía tivo palabras de recoñecemento e admiración cara ao propio centro educativo, “que xa constitúe un punto de referencia na educación ambiental e exemplo a seguir por outros moitos colexios que desexan apostar pola sostibilidade”, á vez que quixo salientar a figura do seu director, Rafael Rodríguez Martín, “polo seu traballo encomiable, pola súa gran implicación e dedicación, e a súa alta capacidade para transmitir, desde a paixón polo ensino, que unha educación sostible tamén é posible”.
TERCEIRO PREMIO EN RECÍCLACHE CON SOGAMA 2021-2022
O colexio Celso Emilio Ferreiro fíxose co terceiro premio no concurso de carteis sobre reciclaxe contemplado no programa “Recíclache con Sogama” 2021-2022, e no que participaron 24 colexios de distintos puntos de Galicia.
Coas fotos de catro alumnos/as suxeitando residuos que deben ser reciclados e baixo o título “Non deixes que os residuos bloqueen os teus sentidos: observa, escoita, reivindica, móvete. Segrega!”, o centro chamaba a atención sobre a importancia da acción ambiental. A través do seu cartel, convidaban aos cidadáns a activar os sentidos, a tomar conciencia da realidade, a superar o desinterese e a comodidade, e a actuar para gañar a batalla ao cambio climático.
O galardón consistiu nunha dotación económica de 700 euros, para investir en material didáctico e divulgativo, así coma un diploma acreditativo, que recibiron de mans de Domínguez Lino o pasado mes de xuño.
Saúdos, Departamento de Comunicación