- O director xeral de Tircantabria substitúe no cargo a Rafael Guinea, que estivo ao fronte da Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos desde o ano 2014.
Cerceda, a 17 de abril de 2024.- A Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos (Aeversu) nomeou a Joaquín Pérez Viota, director xeral de Tircantabria -centro de tratamento integral de residuos de Meruelo, en Cantabria-, novo presidente desta organización. Substituirá a Rafael Guinea, que estivo ao fronte da entidade desde o ano 2014, e que se despediu do seu cargo agradecido polo apoio e colaboración dos membros da Asociación, e dos diálogos construtivos coas distintas administracións para mellorar a xestión dos residuos en España.
Joaquín Pérez Viota é enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, e desenvolveu a súa carreira profesional no ámbito da xestión dos residuos, participando no deseño, construción e explotación da planta de Meruelo, onde asumiu a súa dirección xeral a partir do ano 2014. Previamente, foi director xeral da planta de tratamento integral de residuos de Marsella, en Francia, cargo que ocupou durante dous anos.
Segundo explica Aeversu nun comunicado, Pérez Viota asumiu o compromiso de «dar continuidade á visión estratéxica da entidade e levar a cabo un intenso traballo para seguir colocando ao sector da valorización enerxética no lugar que lle corresponde conforme á xerarquía europea de xestión de residuos».
A Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos reúne a 12 plantas, 11 delas en España e unha en Andorra. As instalacións que forman parte de Aeversu tratan, de media, uns 2,5 millóns de toneladas de residuos non reciclables ao ano. Segundo datos da propia entidade, este proceso evita a emisión á atmosfera de 548 kg CO2 equivalente por tonelada de residuo urbano que se tivera producido no caso de que eses residuos acabasen en vertedoiros.
A entidade destaca que a conversión en enerxía dos residuos non reciclables implica unha importante contribución enerxética, ao ser «unha enerxía estable, xestionable e maioritariamente renovable».
Saúdos, Departamento de Comunicación