- Así o manifestou o alcalde deste municipio coruñés nunha entrevista concedida a EsRadio, na que dou conta dalgunhas das iniciativas acometidas polo goberno local, orientadas a protexer o medio ambiente, mellorar o benestar e calidade de vida dos cidadáns e fomentar o crecemento económico.
Cerceda, a 19 de febreiro de 2020.- O municipio de Ordes, ubicado nun lugar estratéxico entre Santiago de Compostela e A Coruña, emprendeu unha intensa carreira cara á sostibilidade ambiental, económica e social. Así o manifestou o seu alcalde, José Luís Martínez Sanjurjo, nunha entrevista concedida a EsRadio Galicia, na que reafirmou o compromiso do concello coa protección da contorna, coa formación ambiental e co benestar social do conxunto da veciñanza.
Mencionou algúns dos proxectos estelares abordados polo ente local como é o caso da posta en marcha dun centro sociocomunitario ao servizo de todos, que será realidade antes do próximo verán, e no que os maiores poderán realizar diferentes actividades e manterse activos.
Así mesmo, destacou as senllas peatonais coas que contan os ordenses como zonas de lecer e paseo, e tamén o albergue inaugurado o pasado ano polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, toda vez que pola localidade cruza o Camiño Inglés.
O rexedor puxo en valor o potencial industrial e económico do municipio e comarca, cun parque empresarial que alberga distintas entidades, un sector hostaleiro e comercial asentado, e un primario, liderado pola gandeiría, que goza xa de gran tradición e proxección.
Así mesmo, José Luís Martínez mostrou especial sensibilidade por todo o que ten que ver coa formación, a transmisión de coñecemento, a cultura nas súas distintas vertentes e o fomento do deporte e a vida saudable. Non en van, o concello conta cunha banda municipal avalada por 25 anos de historia, así como unha escola de música que incrementou notablemente o número de alumnos, dando comezo con 40 e acollendo hoxe a 120.
A Casa da Cultura alberga de forma permanente xornadas centradas en distintas temáticas coas que se pretende dar resposta aos intereses da cidadanía, e todo isto potenciado cunha radio municipal “Radio Ordes” a través da cal dáse voz ás inquietudes dos veciños e transmítense todas as novas de interese para estes.
ORDES + LIMPO
Desde o plano ambiental, o concello atópase desenvolvendo unha campaña coa que, baixo o título “Ordes + Limpo”, pretende informar e concienciar aos distintos grupos sociais da gran importancia que ten a colaboración de todos eles para unha mellor xestión dos residuos.
A través da mesma divúlganse medidas de prevención, de reutilización e de correcta separación dos materiais en orixe para que cada tipoloxía se deposite no contedor correspondente.
E todo isto aderezado cun ambicioso programa de compostaxe doméstica ao que se adheriron máis de 200 vivendas unifamiliares dispostas a reciclar in situ a materia orgánica e elaborar o seu propio compost.
O concello dou resposta aos requisitos asociados á rebaixa do canon de Sogama aplicada en 2019 (promover medidas de redución e/ou reciclaxe, e trasladar a bonificación ao recibo dos cidadáns) cun plan de acción orientado cara ao aforro, tanto ambiental como económico.
Saúdos, Departamento de Comunicación