- Enmarcada no programa “Pajaritas Azules” de ASPAPEL, esta iniciativa dá resposta ás principais dúbidas cidadás sobre a reciclaxe do papel e cartón, á vez que promove o desenvolvemento de campañas por parte dos entes locais para optimizar a cooperación da poboación no sistema
Cerceda, a 8 de decembro de 2022.- A mediados deste ano, ASPAPEL lanzou, no marco do programa “Pajaritas Azules”, unha interesante iniciativa baixo o lema “La Voz del Reciclaje” e cuxa pretensión é dar resposta, mediante 9 mensaxes claras e sinxelas, ás principais dúbidas cidadás sobre a reciclaxe do papel e cartón, á vez que promove o desenvolvemento de campañas por parte dos entes locais para optimizar a cooperación da poboación no sistema.
AS 9 MENSAXES DE LA VOZ DEL RECICLAJE
- Para conseguir unha reciclaxe de calidade é necesario que o papel e o cartón cheguen sen mesturar con outros materiais ás fábricas papeleiras onde se reciclan. Se non depositas ben os distintos residuos en cada contedor, estás a estragar o traballo de todos.
- Os residuos que se introducen no contedor equivocado non se poden recuperar para reciclar.
- Cada material debe ir ao contedor que lle corresponde. Non botes ao contedor azul materia orgánica, bricks, roupa usada, bolsas ou envases de plástico.
- É moi importante introducir o papel e o cartón dentro do contedor azul, un contedor só para estes materiais. Se deixamos o cartón fóra do contedor azul, pode acabar en vetedoiro ou pode mancharse dificultando a súa reciclaxe.
- É tamén moi importante encartar as caixas antes de depositalas no contedor azul, para que non ocupen máis espazo do necesario. Se as introducimos sen encartar estamos a saturar os contedores innecesariamente e os nosos veciños xa non terán sitio no contedor para o seu papel e cartón.
- Deixar o cartón fóra dos contedores, ensucia as rúas e dificulta o paso. Desmonta as caixas, prégaas e méteas dentro do contedor para que se poidan reciclar e non causen molestias.
- A reciclaxe de papel e cartón é un perfecto exemplo de economía circular, onde os residuos convértense en recursos para completar o ciclo. As fábricas papeleiras utilizan o papel e cartón que se recolle nos contedores como materia prima para fabricar novos produtos papeleiros.
- Os 4,4 millóns de toneladas de papel e cartón usado que se recollen ao ano en España para a súa reciclaxe supoñen un aforro de volume en vertedoiro equivalente a 44 grandes estadios de fútbol coma o Bernabéu ou o Camp Nou cheos ata arriba. E isto supón ademais un aforro das emisións en vertedoiro de 4 millóns de toneladas de CO2.
- Os veciños achéganse a diario aos contedores, que poderían ser un soporte de información perfecto para explicarlles como separar para reciclar máis e mellor, indicando nos propios contedores que hai que depositar neles e que non.
SOBRE ASPAPEL
ASPAPEL (Asociación Española de Pasta, Papel e Cartón) é unha organización profesional de ámbito estatal que agrupa ás empresas do sector da celulosa e o papel. As empresas asociadas, ao redor de 48, supoñen máis do 90% da produción do sector.
Fonte e imaxe: pajaritasazules.com