- Hoxe celébrase a gala virtual, onde se darán a coñecer aos gañadores da edición 2019.
- Os membros das catro Asociacións de Academias de Idiomas do Norte, entre as que se se atopa ACEIGA (Asociación de Centros de Ensino de Idiomas de Galicia), uníronse para levar a cabo unha iniciativa de concienciación sobre a grave problemática ambiental orixinada polo exacerbado consumo de plásticos de usar e tirar.
- Alumnos de ACEIGA e colectivos voluntarios levaron a cabo, en maio de 2019, unha xornada de limpeza de lixo na praia de Coroso, no concello coruñés de Riveira, a fin de alzar a voz sobre a necesidade de loitar por un mar limpo e saudable. Na mesma colaboraron a empresa Recolte e Sogama.
Cerceda, a 25 de xuño de 2020.- Hoxe celébrase a gala virtual dos premios correspondentes á Semana Europea da Prevención de Residuos, EWWR, na que o proxecto “The Language of the Sea” foi seleccionado como finalista. Na mesma daranse a coñecer os gañadores da edición 2019.
Os membros das catro Asociacións de Academias de Idiomas do Norte, entre as que se se atopa ACEIGA (Asociación de Centros de Ensino de Idiomas de Galicia), ademais de ACEI (Euskadi), ACCEI (Cantabria) e ACEIAS (Asturias), uníronse para promover unha iniciativa de concienciación sobre a grave problemática ambiental orixinada polo exacerbado consumo de plásticos de usar e tirar.
Alumnos de ACEIGA e colectivos voluntarios levaron a cabo , en maio de 2019, unha xornada de limpeza de lixo na praia de Coroso, no concello coruñés de Riveira. Coa colaboración da empresa Recolte e Sogama, encargada de impartir unha charla previa aos participantes, aos que tamén dotou con diverso material divulgativo e de merchandising, recolleron 163 quilos de refugallos (30 quilos de envases plásticos, latas e briks; 130 quilos de voluminosos tales como restos de madeira de palets, cordas e fracción non reciclable; e 3 quilos de envases de vidro), que foron tratados de forma axeitada, deixando de ser un foco de contaminación e converténdose en novos recursos.
O evento foi replicado ese mesmo día noutros puntos de España por parte de distintas asociacións pertencentes á Federación Nacional de Centros de Estudo de Idiomas FECEI, da que forman parte ao redor de 70 academias e 10.000 alumnos, e cuxo cometido vai máis aló do propio ensino, toda vez que informan, forman e sensibilizan sobre a importancia de manter os nosos mares limpos e saudables.
Cabe recordar que un 80% do lixo mariño ten a súa orixe en terra , polo que os cidadáns dispoñen dunha gran marxe de manobra para contribuír a paliar esta situación.
Os plásticos constitúen os materiais máis frecuentes. Arrastrados polas correntes mariñas, realizan longas viaxes a través das cales poden ocasionar graves destrozos nas propias embarcacións, atentando igualmente contra a vida dos animais. En forma de microplásticos, chegan ás nosas mesas a través dos peixes que comemos ou do sal coa que aderezamos os nosos pratos.
Saúdos, Departamento de Comunicación