- Sogama remitiu ao Concello 50 novos composteiros que, sumados a partidas anteriores subministradas por esta empresa pública, fan un total de 255
- O obxectivo é que a autoxestión da materia orgánica, dadas as súas incuestionables vantaxes ambientais, económicas e sociais, se erixa nunha práctica habitual nas zonas máis dispersas
Cerceda, a 6 de xullo de 2023.- Sogama entregou ao Concello da Laracha 50 novos composteiros co obxectivo de que a autoxestión da materia orgánica se estenda a outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
Con esta nova partida, son 255 os recipientes achegados ao ente local por parte desta empresa pública a fin de que a compostaxe doméstica se erixa nunha práctica habitual nas zonas máis dispersas, dadas as súas incuestionables vantaxes ambientais, económicas e sociais. Trátase, en definitiva, de recuperar unha tradición asentada no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, hixiénica, cómoda e eficiente.
O composteiro, con capacidade para 400 litros, debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
É conveniente que os usuarios alternen no recipiente material húmido e seco para conseguir unha mestura homoxénea, que deberán remover periodicamente, á vez que controlan parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. A pretensión última é obter un compost que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente e que poida ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Beneficios
As bondades do compost para o solo son incuestionables debido á gran achega de nutrientes para plantas e cultivos, preservándoos incluso fronte a pragas e outras enfermidades.
Con todo, as súas vantaxes van máis aló, xa que a xestión en orixe da materia orgánica, que representa preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evita o seu envío á planta de xestión e mesmo posibilita unha redución da frecuencia de recollida de contedores e transporte ata o punto de tratamento.
Así mesmo, tense comprobado que unha correcta segregación dos residuos orgánicos, mellora a separación do resto das fraccións de recollida selectiva, incrementando a reciclaxe no seu conxunto.
Máis 20.700 composteiros repartidos
A día de hoxe, un total de 452 entidades atópanse adheridas ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia. Destas, 224 son concellos, 196 son centros educativos e 32 son colectivos sociais. Entre todas elas, esta Sociedade xa repartiu, de forma gratuíta, máis de 20.700 composteiros, ademais de impartir formación.
Saúdos, Departamento de Comunicación