- Terá lugar do 2 ao 10 de decembro, e os interesados teñen de prazo ata o próximo 26 de novembro para inscribirse na mesma creando puntos de recollida
Cerceda, a 30 de outubro de 2023.-O Proxecto LIBERA lanza a sétima edición da campaña ‘1m2 polo campo, os bosques e o monte’, que levará a cabo do 2 ao 10 de decembro, co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre a “basuraleza” nestas contornas. Ata o 26 de novembro, calquera organización, asociación, entidade ou colectivo pode inscribirse en proyectolibera.org para participar nesta iniciativa creando puntos de recollida.
Cada ano chegan aos nosos mares e océanos entre 4,8 e 12,7 millóns de toneladas de residuos plásticos e o 80% son de orixe terrestre. Unha cifra que, sumada ao abandono de refugallos que sofren os espazos naturais, constitúe un grave perigo para os ecosistemas.
Os colectivos participantes usarán a app móbil ‘eLitter’, unha ferramenta pioneira na caracterización de residuos en ecosistemas de interior e desenvolvida polas asociacións Vertidos Cero e Paisaje Limpio, en colaboración con LIBERA. Polo tanto, a información recollida incluirase na base de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO), na app BASURALEZA e sumarase aos obxectos xa caracterizados que LIBERA recompila no seu “Barómetro da Basuraleza”
Na pasada edición de ‘1m2 polo campo, os bosques e o monte’ e durante as xornadas de recollida e caracterización que se desenvolveron en 398 puntos do país grazas á colaboración de máis de 6.500 voluntarios, lográronse analizar un total de 2,3 toneladas de “basuraleza”. Así 25.045 obxectos foron categorizados durante a campaña de 2022, sendo as cabichas, as pezas de plástico de menos de 2,5 cm, e as bolsas, paus e envoltorios de lambetadas os residuos máis atopados.
Con esta convocatoria, LIBERA pecha a súa última campaña de ciencia cidadá do ano, logo da celebración de ‘1m2 polas praias e os mares’ durante o pasado mes de setembro, e coa que se conseguiron recoller 3,7 toneladas de residuos e caracterizar ao redor de 77.000 obxectos grazas aos case 5.000 voluntarios que colaboraron nas costas españolas.
Fonte e imaxe: Libera