- Disto deixouse constancia na mesa redonda que o presidente de Sogama moderou no marco do Congreso Internacional Recuwaste, celebrado esta semana en Mataró, e que reuniu a 700 persoas do sector dos residuos
Cerceda, a 16 de novembro de 2023.- No marco da mesa redonda protagonizada por responsables políticos que asumen responsabilidades na xestión de residuos, e que onte moderou o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, con motivo da súa participación no Congreso Internacional Recuwaste, emerxeron unha serie de eixos e ideas forza que, a xuízo dos tertulianos, deben guiar a xestión dos residuos municipais durante os próximos anos. É o caso da valentía e o liderado político, a colaboración público-privada, a comunicación, a descarbonización do sector, a innovación e o fomento da reparación e a reutilización como elo básico da cadea para reducir a produción de refugallos.
Javier Domínguez foi o encargado de guiar e coordinar un espazo no que participaron Luís José Rodríguez del Pozo, deputado e presidente do Consorcio de Residuos de Málaga; José María Infante Olarte, director xeral de Calidade Ambiental do Goberno de La Rioja e presidente do Consorcio de Augas e Residuos de La Rioja; César Gimeno, director xeral en Gipuzkoako Hondakinen Kudeaketa, empresa de xestión de residuos de Gipuzkoa, que substituíu a José Ignacio Asensio Bazterra, deputado e presidente do Consorcio de Residuos de Gipuzkoa, e Isaac Peraire Soler, director da Axencia de Residuos de Catalunya.
As intervencións de todos eles xiraron ao redor dunha serie de temáticas propostas polo máximo responsable de Sogama. É o caso dos retos craves e críticos da xestión dos residuos e os recursos no horizonte 2025; o financiamento do sistema, é dicir, cales son os instrumentos económicos, cales as necesidades futuras e como se debería dotar ao sistema para cumprir os obxectivos legais; como deben enfocarse as taxas cidadás e como deben abordarse os custos; que rol desempeña a xestión dos residuos na economía circular; que deberían facer as administracións competentes para extraer o maior valor social e contribuír máis decididamente aos obxectivos dunha economía circular neutra en carbono; e que papel debe desempeñar innovación, a tracción pública e a colaboración público-privada.
Unha mesa que Domínguez Lino cualificou como “altamente produtiva e construtiva”, e que permitiu poñer en común visións de cargos políticos de distintas comunidades, pero con intereses comúns.
700 asistentes e máis de 60 expertos
Co lema “A economía circular dos recursos: anticiparse ao futuro”, a sétima edición do Congreso Recuwaste, celebrado no Tecnocampus de Mataró os pasados días 14 e 15 de novembro, contou coa asistencia de 700 profesionais de empresas, administracións públicas, consorcios público-privados e técnicos da xestión de residuos, que tiveron a oportunidade de compartir coñecementos e experiencias. Durante dous días propiciouse un debate sobre a evolución dos recursos, os cambios na produción e o consumo, e como a economía circular é a clave para anticiparse a un futuro máis sostible.
Organizado por Maresme Circular, a marca do Consorcio de Residuos do Maresme, o evento reuniu a máis de 60 expertos cos que os asistentes puideron coñecer boas prácticas e os sistemas máis innovadores para aproximarse aos retos fixados polas normativas actuais e así alcanzar os obxectivos de futuro.
Saúdos, Departamento de Comunicación