- Baixo o título “Valorización de residuos orgánicos: desafíos e oportunidades”, terá lugar o próximo 22 de maio no Auditorio da Central de Valorización Orgánica desta compañía portuguesa, con sede en Oporto.
- O principal obxectivo do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum é precisamente poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido.
- Liderado pola Universidade do Minho, no mesmo participan, en calidade de socios, as firmas Braval, CVR e Lipor, por parte de Portugal; e Sogama, CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela, por parte de Galicia.
- O director xeral da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Isidro García, será un dos relatores e explicará a experiencia desta empresa pública na compostaxe.
Cerceda, a 10 de maio de 2019.- O próximo 22 de maio, o Auditorio da Central de Valorización Orgánica da firma portuguesa Lipor, con sede Oporto e encargada de xestionar os residuos producidos en Grande Porto, acollerá un novo workshop que, baixo o título “Valorización de residuos orgánicos: desafíos e oportunidades”, enmárcase no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, cuxo obxectivo non é outro que poñer en valor a materia orgánica contida nos residuos e evitar o seu vertido. Adicionalmente, no marco desta iniciativa investíganse outras utilidades para o compost que van máis aló do seu carácter remediador para solos, abrindo a porta a usos vinculados á cosmética e a accións terapéuticas diversas.
Liderado pola Universidade do Minho, integran este proxecto, en calidade de socios, as firmas Braval, CVR e Lipor, por parte de Portugal; e Sogama, CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela, por parte de Galicia.
VISIÓNS INTEGRADORAS
A xornada, que será inaugurada polo director xeral de Lipor, Fernando Leite, arrincará coa intervención de Fernanda Proença, da Universidade do Minho, quen dará a coñecer os pormenores do proxecto Res2ValHum, o traballo realizado ata o de agora e os obxectivos vinculados ao mesmo.
Seguiralle Isidro García Téllez, director xeral de Sogama, que falará da experiencia desta empresa pública na compostaxe, tanto na súa vertente doméstica, contando a día de hoxe con ao redor de 290 entidades adscritas a esta iniciativa entre as que repartiu máis de 10.000 composteiros, como na súa dimensión industrial, toda vez que a compañía construíu e equipou unha planta de compostaxe, con capacidade para 15.000 toneladas anuais, que entrará en operación unha vez que os concellos máis próximos implanten a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor marrón.
A segunda parte do evento abrirao Diana Nicalau, de Lipor, quen explicará a Estratexia de Biodiversidade impulsada por esta firma, mentres que Joao Graça fará o propio, pero en relación á Estratexia de Biorresiduos.
Pola súa banda, Frank Schwarz BGK (German Compost Quality Assurance Organisation) debullará as particularidades da certificación de calidade de fertilizantes e correctivos do solo a partir dos procesos de reciclaxe con orixe na economía circular, mentres que Massimo Centemero, de ECN ( European Compost Network), detallará a perspectiva europea en relación á xestión de biorresiduos
ACTIVIDADES PRÁCTICAS
Tras un espazo de debate, Bernardo Brito, de Vieira &Brito Agrofook, exporá a súa experiencia relativa aos beneficios da utilización do correctivo agrícola orgánico.
Durante a sesión de tarde, están previstas visitas técnicas á Central de Valorización Orgánica e ao Circuíto Interpretativo ao Trilho Ecolóxico, así como a posibilidade de recrearse a través de dúas exposicións: “O Projeto de Valorizaçao do Río Tinto” e “ Bioeconomía”.
Máis información en:
Saúdos, Departamento de Comunicación