- China será a anfitriona ao destacar polos seus esforzos na acción climática a través do impulso das enerxías limpas.
- Non en van, o país asiático posúe a metade dos vehículos eléctricos do mundo e o 99% dos autobuses eléctricos.
- Ao redor de 7 millóns de persoas en todo o mundo falecen prematuramente cada ano debido á contaminación do aire e, destas, preto de 4 millóns habitan na rexión de Asia e o Pacífico.
- Tal e como se recolle nun informe de Nacións Unidas sobre a contaminación do aire en Asia e o Pacífico, a implementación de 25 políticas de tecnoloxía nesa rexión podería reducir ata o 20% das emisións de dióxido de carbono e o 45% das emisións de metano a nivel mundial, circunstancia que evitaría 0,3ºC de quecemento global.
Cerceda, a 10 de maio de 2019.- Aproximadamente 7 millóns de persoas en todo o mundo falecen prematuramente cada ano debido á contaminación do aire e, destas, preto de 4 millóns habitan na rexión de Asia e o Pacífico. É por isto que a próxima edición do Día Mundial do Medio Ambiente, evento liderado por ONU Medio Ambiente e que se celebra cada 5 de xuño, dedicarase á loita contra a contaminación do aire, sendo China o anfitrión da celebración.
Así o anunciou o seu viceministro de Ecoloxía e Medio Ambiente, Zhao Yingmin, e a directora executiva adxunta de ONU Medio Ambiente, Joyce Msuya, no marco da Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, que tivo lugar a mediados de marzo en Nairobi (Kenia), abordando na mesma temas de gran relevancia tales como a redución do desperdicio alimentario e a transición cara á mobilidade eléctrica.
Os datos son preocupantes: o 92% dos habitantes do mundo non respira aire limpo, coa particularidade de que a contaminación do aire ten un custo económico global de 5 billóns de dólares estadounidenses cada ano debido aos gastos en asistencia social. Ademais, estímase que a contaminación por ozono a nivel do solo reducirá o rendemento dos cultivos básicos nun 26% para 2030.
O obxectivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente 2019 é instar aos gobernos, a industria, as comunidades e os cidadáns a sumar esforzos para explorar solucións a este problema a través das enerxías renovables e as tecnoloxías sostibles.
Neste sentido, destácase o liderado de China na acción climática mediante o impulso do sector das enerxías limpas. Exemplo disto é que o país asiático posúe a metade dos vehículos eléctricos do mundo, así como o 99% dos autobuses eléctricos, polo que a acollida da celebración desta efeméride representa unha gran oportunidade para exhibir as súas innovacións e avances na protección da contorna e o benestar da poboación.
Tal e como se recolle nun informe de Nacións Unidas sobre a contaminación do aire en Asia e o Pacífico, a implementación de 25 políticas de tecnoloxía nesa rexión podería reducir ata o 20% das emisións de dióxido de carbono e o 45% das emisións de metano a nivel mundial, circunstancia que evitaría 0,3ºC de quecemento global.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación