- Terá lugar do 16 ao 24 de novembro, sendo Sogama unha das entidades que participarán na mesma, tal e como veu facendo en edicións anteriores
- Trátase dun evento anual xa consolidado co que se pretende convidar á reflexión sobre a inxente cantidade de residuos que producimos cada día, á vez que se proporcionan ferramentas para pasar á acción
Cerceda, a 12 de novembro de 2024.- Desde o 16 ao 24 de novembro, celebrarase a Semana Europea da Prevención de Residuos (EWWR, polas súas siglas en inglés), un evento anual xa consolidado co que se pretende convidar á reflexión sobre a inxente cantidade de residuos que producimos cada día, á vez que se proporcionan mecanismos e recomendacións para pasar á acción e, deste xeito, e propiciar comportamentos sostibles.
No marco desta semana, anímase ás autoridades públicas e rexionais, así como a empresas, escolas, ONG, asociacións e cidadáns en xeral, a levar a cabo actividades de formación e sensibilización nesta liña. Sogama será unha delas e lanzará unha campaña, dirixida a todos os públicos, para explicar a problemática ambiental, económica e social inherente ao desperdicio alimentario e situación deste fenómeno en España e o mundo, divulgando ao mesmo tempo consellos e boas prácticas orientados aos consumidores para minorar a cantidade de comida que cada día acaba no cubo do lixo.
A EWWR naceu en 2009 como un proxecto LIFE+ financiado pola UE, e promovido por autoridades públicas de toda Europa, que querían unir forzas en materia de prevención de residuos. Logo de catro anos de éxito, o proxecto recibiu financiamento adicional ata 2017 e, desde entón, está financiado e coordinado por un Comité Directivo que toma todas as decisións estratéxicas.
Entre os membros deste Comité Directivo figuran a ACR+ – Asociación de Cidades e Rexións para a xestión sostible dos recursos-; ADEME – Axencia Francesa de Medio Ambiente e Xestión da Enerxía-; AICA – Asociación Internacional de Comunicación Ambiental en Italia-; ARC – Axencia de Residuos de Cataluña en Cataluña, España-; Bruxelles Environnement – Leefmilieu Brussel – Administración pública de medio ambiente e enerxía na Rexión de Bruxelas Capital, Bélxica; EMWR – Oficina Rexional de Residuos das Midlands Orientais, Irlanda-;Comité Europeo das Rexións; Lipor – Xestión de residuos intermunicipais do Gran O Porto, Portugal-; Principado de Mónaco, Dirección de Medio Ambiente; WasteServ Malta – empresa de xestión de residuos en Malta-; e Zero Waste Europe.
12 bos hábitos para reducir os residuos na vida cotiá
A Semana Europea da Prevención alude a unha serie de xestos que contribuirán en boa medida a producir menos refugallos. Son os seguintes:
- Opta por bolsas reutilizables
- Coloca unha etiqueta adhesiva de “Non correo lixo” na túa caixa de correos
- Evita o desperdicio de alimentos
- Compra a granel ou en envases de gran tamaño.
- Compra produtos eco-recargables ou reenchibles
- Bebe auga da billa
- Utiliza pilas recargables
- Restrinxe o uso da impresora
- Empeza a facer compost
- Doa roupa vella
- Toma prestadas ou aluga ferramentas
- Repara bens e electrodomésticos
Fonte e imaxe: EWWR