- A revitalización de ecosistemas reconstrúe a capacidade da terra para almacenar carbono e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
- Trátase dunha superficie similar ao tamaño de China, representando a restauración de bosques e terras agrícolas tres cuartas partes da área comprometida.
- A xuízo dos expertos, unha economía de restauración creará millóns de empregos verdes e mellorará a resistencia da humanidade a futuras tensións.
Cerceda, a 25 de xaneiro de 2021.- De acordo cun novo estudo publicado no marco do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021-2030), máis de 100 países, a través de varios acordos internacionais, comprometéronse a restaurar nas próximas décadas ata 1.000 millóns de hectáreas de terras degradadas, unha superficie similar ao tamaño de China, representando a restauración de bosques e terras agrícolas as tres cuartas partes da área comprometida.
De implementarse, os compromisos asumidos poderían contribuír en gran medida a abordar o cambio climático, a degradación da terra e a perda de biodiversidade, así como a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), incluídos os relacionados co traballo digno e a seguridade alimentaria e hídrica.
Segundo o informe da Axencia de Avaliación Ambiental dos Países Baixos, 115 países restaurarán a terra en, alomenos, un dos mecanismos dos tres principais convenios ambientais internacionais: as metas para a neutralidade da degradación da terra, as contribucións determinadas a nivel nacional do Acordo de París e as estratexias nacionais e plans de acción sobre biodiversidade..
VANTAXES
Restaurar a saúde e a produtividade da terra a esta escala traería enormes beneficios para as persoas e a natureza. A área comprometida coincide aproximadamente coa superficie terrestre que, conforme ás estimacións, está a perder produtividade, sendo o dobre da cantidade de terra que poida que se converta á agricultura entre 2010 e 2050.
Este esforzo involucrará a individuos, comunidades, empresas, organizacións e gobernos que emprenderán a restauración a todas as escalas e en todo tipo de ecosistemas, terrestres ou acuáticos.
A xuízo dos expertos, unha economía de restauración creará millóns de empregos verdes e mellorará a resistencia da humanidade a futuras conmocións e tensións.
A revitalización de ecosistemas como as terras de cultivo, os pastizaid, os bosques, os humedais e as turberas reconstrúe a capacidade da terra para almacenar carbono e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Se se fai de forma correcta, tamén pode protexer a biodiversidade, aumentar a fertilidade do solo e reducir a escaseza de auga.
Así mesmo, os ecosistemas naturais que funcionan ben tamén son clave para combater enfermidades zoonóticas, como a COVID-19.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels