- A empresa pública impartiu sesións formativas presenciais neste centro, onde explicou a súa actividade, incidindo na correcta separación de residuos en orixe como garantía para propiciar o seu posterior reciclado
Cerceda, a 23 de xaneiro de 2024.- Máis de 130 estudantes e docentes do IES de Barro (Pontevedra) foron instruídos en sostibilidade por parte de educadores de Sogama a través de sesións formativas presenciais impartidas no propio centro.
As xornadas caracterizáronse polo alto nivel de participación de toda a comunidade educativa e o gran interese ao redor da correcta selección dos residuos en orixe, así coma o contedor de destino para cada tipoloxía, a fin de contribuír á reciclaxe e os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.
Se ben dispoñían dos coñecementos básicos, o certo é que as charlas, que estiveron reforzadas por distinto material didáctico e divulgativo, axudoulles a despexar dúbidas, que xiraron fundamentalmente en torno ao contedor amarelo, sendo este o recipiente que concentra maior confusión. Ao respecto, clarificouse que o amarelo está destinado a acoller envases de plástico, latas e briks, pero non obxectos plásticos que non sexan envases nin envoltorios, como é o caso dos xoguetes.
Tamén formularon diversas preguntas sobre a diferenza entre o contedor marrón e o compostador doméstico, ao que se respondeu que ambos os dous están destinados a acoller materia orgánica, aínda que o segundo está orientado a vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de valorización do residuo orgánico in situ, que regresa á terra en forma de fertilizante.
Pola súa banda, o contedor marrón adoita estar presente en núcleos de poboación, dando servizo a edificios lineais e vivendas sen terreo, permitindo aos cidadáns separar os restos orgánicos e introducilos neste recipiente para que sexa convertido en compost na planta de biorresiduos correspondente.
Infraestrutura e loxística
As sesións foron aproveitadas tamén para explicar a actividade de Sogama en Galicia en relación ás tres fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia (bolsa amarela -envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo-, bolsa marrón -materia orgánica introducida no contedor desta mesma cor- e bolsa negra -resto ou non reciclable-), así como a infraestrutura coa que conta a Sociedade para levar a cabo o seu labor: un complexo medioambiental, sito en Cerceda, 4 plantas de biorresiduos e 27 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego, e todo isto aderezado cunha loxística punteira protagonizada polo ferrocarril para o transporte de residuos municipais, aglutinando este máis do 55% dos desprazamentos. A entidade aposta así por un medio máis sostible, máis respectuoso coa contorna, con maior sincronización horaria e menor sinistralidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación