- A solicitude do Concello, a empresa pública vén de entregar unha nova partida de 25 composteiros, así como manuais didácticos de apoio para os participantes.
- Desta forma, o ente local quere ampliar a autoxestión da materia orgánica a novos fogares, dados os seus interesantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 20 de xullo de 2021.- A fin de estender a autoxestión da materia orgánica a novos fogares, o Concello de Meaño solicitou a Sogama unha nova partida de composteiros, posibilitando que cada vez sexan máis as familias que teñan a oportunidade de elaborar in situ o seu propio compost, que regresa á terra en forma de abono natural, pechando desta forma o ciclo do seu aproveitamento.
Tras unha nova entrega de 25 recipientes, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, Meaño suma 133 vivendas unifamiliares adscritas a esta práctica, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Desde o punto de vista ambiental, porque ao compostar os restos orgánicos en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, reducindo a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais. Isto tradúcese en menores emisións de CO2 á atmosfera e unha diminución da cantidade de refugallos entregados a Sogama para o seu tratamento final e, polo tanto, do importe da factura a pagar a esta empresa pública.
Igualmente, minóranse os desprazamentos que a veciñanza debe facer aos contedores, xa que o papel/cartón e os envases poden almacenarse varios días na casa sen risco de cheiros.
A fin de que os participantes poidan contar con toda a información necesaria, Sogama remitiu ao concello manuais didácticos nos que se explica a técnica a aplicar para obter un compost de calidade, detallando todo o proceso a seguir: desde o propio emprazamento do composteiro ata a concreción dos materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Ademais de todo isto, os usuarios terán a oportunidade de reforzar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde poderán atopar distintos recursos tales como vídeos, xogos e diversos contidos en liña.
Saúdos, Departamento de Comunicación