- Sogama entregará ao concello unha nova partida de 50 composteiros para satisfacer as demandas doutros tantos fogares
- O ente local apostou firmemente pola xestión sostible dos restos orgánicos combinando a compostaxe doméstica e industrial a fin de alcanzar maiores beneficios ambientais e económicos
Cerceda, a 14 de outubro e 2024.- Sogama entregará a Laracha unha nova partida de 50 composteiros que, sumada a outras anteriores, fan máis de 300 as familias deste municipio que compostan in situ a súa materia orgánica, unha práctica coa que contribúen a protexer a contorna e a aforrar custos.
A valorización da materia orgánica constitúe unha das grandes liñas de acción que segue o ente local para levar a cabo unha xestión sostible dos residuos. De feito, xunto co de Carballo, foi dos primeiros en implantar o contedor marrón, moito antes de que o esixise a normativa vixente. Desta forma, a súa estratexia pasa por combinar as dúas modalidades de compostaxe, a doméstica e industrial, dotando de composteiros ao ámbito máis rural, é dicir, a aquelas vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante, e dando servizo aos cidadáns dos principais núcleos de poboación con contedores marróns nos que deben introducir os restos orgánicos, utilizando para isto bolsas compostables, que son transportados posteriormente polos servizos municipais á planta de tratamento de biorresiduos que Sogama ten en Cerceda.
Máis aló dos evidentes beneficios ambientais que trae consigo a compostaxe, o concello pretende aforrar custos a través da prevención e redución da produción de lixo, así como da recollida diferenciada da materia orgánica, evitando que esta acabe no contedor convencional (fracción resto) e, en consecuencia, diminuíndo o importe da factura a pagar a Sogama.
A empresa pública tamén remitirá ao concello manuais de autocompostaxe para que os novos usuarios dispoñan da información básica que lles permita elaborar un compost de alta calidade que, ademais de achegar nutrientes ao solo, tamén o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación