- Sogama remitiu ao tres concellos unha nova partida de composteiros (100 en total), con capacidade para 400 litros, así como manuais didácticos para entregar en cada fogar.
- O interese dos entes locais vén derivado precisamente dos beneficios ambientais e económicos que trae consigo a compostaxe doméstica.
Cerceda, a 14 de maio de 2021.- Os concellos de Salvaterra do Miño, Pazos de Borbén e Arbo dirixíronse de novo a Sogama para ampliar os seus respectivos programas de compostaxe doméstica coa dotación de novos composteiros (100 en total). Desta forma son máis de 500 as familias do tres municipios que autoxestionan a materia orgánica producida nos seus domicilios, cos conseguintes beneficios.
Os recipientes, con capacidade para 400 litros, contribúen a facer máis cómodo, hixiénico e eficiente o proceso, debendo os usuarios controlar o axeitado equilibrio entre a fracción húmida e a fracción seca, ademais de supervisar parámetros crave para a obtención dun compost de alta calidade: osíxeno, temperatura e humidade.
Dado que os restos orgánicos representan o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se estes se recuperan en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, contribuíndo desta forma a minorar a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera, así como a diminuír as cantidades de refugallos entregadas a Sogama para o seu tratamento final en Cerceda (A Coruña).
Os veciños que participan nesta iniciativa habitan en vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o círculo de aproveitamento dos restos orgánicos, que regresan á terra en forma de nutriente.
Xunto co composteiro, entregouse en cada fogar un manual didáctico de autocompostaxe no que se explica a técnica, clarifícase a relación de materiais que deben e non deben ser depositados neste recipiente e dáse resposta ás preguntas máis habituais.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación