- O alumnado realizou unha visita virtual 360º polas distintas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental da empresa pública e puxo a proba o apreso cos xogos recreativos Trash &Furious
Cerceda, a 9 de abril de 2024.- Máis de 60 escolares de 3º de ESO pertencentes ao CPR La Inmaculada-Maristas de Lugo desprazáronse a Cerceda (A Coruña) para coñecer o tratamento que Sogama dá aos residuos producidos en 295 concellos, entre eles o de Lugo.
Tras unha primeira introdución á xestión sostible dos residuos municipais efectuada por educadores especializados, o alumnado tivo ocasión de realizar unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental da empresa pública, accedendo desta forma a espazos que, nun percorrido a pé, non poderían visualizarse por razóns de seguridade.
Equipados con lentes inmersivos 360º, fixeron unha primeira parada na planta de clasificación, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks depositados polos cidadáns nos contedores amarelos para que sexan separados de forma automática e remitidos posteriormente aos centros de reciclaxe a fin de converterse en novos produtos.
O itinerario continuou pola planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0, e cuxa función é segregar aqueles refugallos susceptibles de ser reciclados, e pola planta de elaboración de combustible a partir da fracción non reciclable.
Tamén se moveron virtualmente polas plantas de coxeración, alimentada por gas natural, e termoeléctrica, onde o combustible CDR acondicionado na fase anterior valorízase enerxeticamente, producindo a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
O peche da xornada veu da man dos xogos recreativos arcade “Trash & Furious”, cos que os escolares puideron poñer a proba o apreso sobre recollida selectiva, ademais doutros atributos tales como axilidade, atención e reflexos.
Saúdos, Departamento de Comunicación