- A charla levouse a cabo o pasado luns, día 20, na Casa da Cultura, e enmarcouse na Semana Europea da Prevención de Residuos, á que se sumou o Concello
- No transcurso da mesma, explicouse con detalle como levar á práctica o principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), tendo o público a oportunidade de resolver todas as súas dúbidas
- Os asistentes foron obsequiados con diverso merchandising corporativo de Sogama (packs de bolsas de recollida selectiva para o fogar e bolsas pregables e reutilizables para a compra)
Cerceda, ao 23 de novembro de 2023.- O Concello de Xinzo de Limia (Ourense) sumouse á conmemoración da Semana Europea da Prevención de Residuos organizando, coa colaboración de Sogama, unha sesión formativa orientada a profundar nas boas prácticas vinculadas ao principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Así, máis de medio cento de veciños deste concello déronse cita o pasado luns, día 20, no Auditorio da Casa da Cultura, para asistir a unha charla impartida por persoal desta empresa pública. No transcurso da mesma, ademais de incidir na importancia de levar a cabo un consumo racional e consciente, e de fomentar o máximo aproveitamento dos produtos a través da reutilización, concretouse o que debe e non debe depositarse en cada contedor de recollida selectiva: amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; e xenérico, para a fracción resto. Tamén se falou do marrón, en proceso de implantación en Galicia, destinado a acoller a materia orgánica para a súa posterior transformación en compost nas correspondentes plantas de biorresiduos.
Igualmente, fíxose especial fincapé na importancia crucial de que os cidadáns colaboren e participen activamente na xestión sostible dos residuos municipais, pois diso dependerá en gran medida as taxas de reciclaxe alcanzadas. Neste sentido, animouse aos presentes a compartir os seus coñecementos e mesmo a levar a cabo unha tarefa divulgativa e de concienciación na súa contorna social máis inmediata coa pretensión de fomentar a corresponsabilidade individual e colectiva na menor xeración de residuos e a súa transformación en recursos, conforme aos parámetros da economía circular.
Entre o público atopábanse tamén algúns escolares da zona, tanto de primaria como de secundaria, que interactuaron co persoal técnico en todo momento e lanzaron temáticas de interese para todos o asistentes, preguntando polo contedor de destino de determinados materiais susceptibles de confusión.
Os asistentes foron obsequiados con diferente merchandising corporativo de Sogama (packs de bolsas de recollida selectiva para o fogar e bolsas pregables e reutilizables para a compra).
O papel da Semana Europea da Prevención de Residuos 2023
Co lema Non te deixes envolver!, este evento, que arrincou o pasado 18 de novembro e estenderase ata o vindeiro domingo, día 26, céntrase, por segunda vez na súa historia, nos envases (a primeira foi durante a edición de 2016), ao tratarse dun tema que continúa sendo clave en termos de refugallos xerados, pois, non só non se reduciron, senón que mesmo aumentaron polo auxe do comercio electrónico.
Saúdos, Departamento de Comunicación