- Así se recolle no estudo ‘Xestión do desperdicio alimentario na gran distribución’, presentado a pasada semana no VII Punto de Encontro AECOC, e a través do cal se analizou o impacto da perda de alimentos frescos nas grandes cadeas de distribución.
- Segundo a información recollida neste documento, as froitas e as verduras son os artigos que máis se desperdician nos supermercados españois, seguidas do peixe e a carne.
- Malia as dificultades, o 67% das empresas da gran distribución considera que o desperdicio xerado coa súa actividade é menor ou moito menor que fai tres anos grazas á mellora na xestión dos artigos descartados para a venda.
Cerceda, a 30 de setembro de 2019.- A pasada semana, o VII Punto de Encontro AECOC contra o desperdicio alimentario, celebrado en Madrid, e que reuniu a máis de 300 profesionais de empresas, administracións e ONG para dar a coñecer casos de éxito relevantes na xestión do desperdicio alimentario en toda a cadea de valor, serviu tamén de marco para a presentación do estudo ‘Xestión do desperdicio alimentario na gran distribución’, a través do cal Nielsen e Checkpoint, en colaboración con AECOC, analizaron o impacto da perda de alimentos frescos nas grandes cadeas de distribución.
De acordo coa información recollida neste documento, o 3,5% dos alimentos frescos na distribución non chegan a comercializarse por diferentes razóns e, destes, o 2% acaban desperdiciados, sendo as seccións de froitas e verduras as que xeran maior cantidade de desperdicio (50%), seguidas pola de peixe (42%) e carne (8%).
Respecto das etapas nas que ten lugar o desperdicio, o 75% das cadeas sinalaron á manipulación dos produtos por parte dos consumidores, mentres que o 42% apuntou tamén á manipulación na venda asistida e un 33% ás deficiencias no transporte desde a plataforma loxística ata os puntos de venda.
TECNOLOXÍA, LOXÍSTICA E COORDINACIÓN: CLAVES NA MELLORA DA XESTIÓN
Malia as dificultades, o 67% das empresas da gran distribución considera que o desperdicio xerado coa súa actividade é menor ou moito menor que fai tres anos grazas Á mellora na xestión dos produtos descartados para a venda. De feito, un 83% das empresas conta na actualidade cunha estratexia para optimizar a identificación e xestión de excedentes.
O 12% desta potencial perda destínase á doazón, un 29% recupérase ou recíclase e un 59% acaba no xestor de residuos. Esta elevada porcentaxe que acaba como refugallo débese a que as cadeas atopan grandes dificultades para a doazón de produtos perecedoiros como carne e peixe, que esixen condicións óptimas de transporte e conservación para evitar riscos de seguridade alimentaria.
Respecto dos procesos de identificación do desperdicio, o 58% da potencial perda localízase a través de protocolos de supervisión específicos baseados no control sistemático do stock ou a análise visual do xénero, mentres que o 17% identifícase a través do uso de tecnoloxías que xeran alertas e outro 17% mediante a análise de datas de vida e consumo óptimo. Tan só o 8% detéctase a través do aspecto dos produtos.
En canto á estratexia utilizada para previr o desperdicio, o 42% dos distribuidores apóiase no uso da tecnoloxía, como apps para a xestión do produto non comercializable e etiquetas para seguir a vida útil do alimento. Así mesmo, destácase a mellora na xestión dos stocks, dos procesos loxísticos e unha maior coordinación entre os departamentos implicados no transporte, manipulación e venda do xénero.
Fonte: AECOC
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación