- Esta instalación está a ser utilizada polos concellos de Carballo, Laracha e Cerceda, os cales xa implantaron a recollida selectiva da fracción orgánica contida nos residuos urbanos, acompañándoa de ambiciosas campañas de formación e concienciación social.
- Os traballos de mostraxe realizáronse sobre un total de 251,81 quilos de refugallos recollidos a través do quinto contedor, de cor marrón, e entregados na planta de compostaxe de Sogama. Deste total, o 96,22% corresponde a materia orgánica, fundamentalmente restos de alimentos.
Cerceda, a 10 de maio de 2021.- As novas caracterizacións realizadas por Sogama na súa planta de compostaxe de Cerceda, á que están adscritos os concellos de Carballo, Laracha e Cerceda, arroxaron de novo uns resultados exitosos, constatando a alta calidade da materia orgánica entregada por estes tres municipios, pioneiros en Galicia.
Os traballos de mostraxe realizáronse sobre un total de 251,81 quilos, dos cales o 96,22% corresponde a materia orgánica, fundamentalmente restos de alimentos.
Se ben os concellos teñen de prazo ata finais do ano 2023 para implantar a recollida selectiva dos restos orgánicos, os tres entes locais referenciados quixeron adiantarse á aplicación da normativa, tendo instaurado a recollida segregada desta fracción a través do quinto contedor, de cor marrón, para propiciar a súa transformación en compost, que será utilizado na agricultura e xardinería como fertilizante natural.
Estes excelentes datos son froito do interese posto nesta iniciativa por parte de Carballo, Laracha e Cerceda, e as ambiciosas campañas de formación e concienciación levadas a cabo en cada localidade para fomentar a colaboración responsable dos veciños.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, manifestou a súa satisfacción por uns resultados que cualifica como “moi bos”, á vez que anima a outros concellos próximos á planta de compostaxe industrial desta empresa pública a que implanten o quinto contedor, minorando desta forma a cantidade de refugallos depositados no verde convencional, destinado a acoller a fracción resto.
REDE DE INFRAESTRUTURAS
A planta de compostaxe de Cerceda sumarase a outras tres proxectadas nas provincias de Lugo (Cervo), Ourense (Verín) e Pontevedra (Vilanova de Arousa), e que estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvase da materia orgánica a contedores de maior capacidade a fin de que reciba tratamento na planta de biorresiduos máis próxima.
Desta forma, un total de 280 dos 295 municipios adscritos ao sistema Sogama contarán cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Respecto dos 15 restantes, undeles disporá da súa propia planta de transferencia, financiada con fondos propios, e, nos outros 14, todos de moi pequeno tamaño, sería suficiente con implantar a compostaxe doméstica e/ou comunitaria.
En todo caso, as novas plantas uniranse tamén a outras de compostaxe, tanto públicas como privadas, existentes actualmente ou proxectadas nun futuro, co obxectivo de dar servizo ao conxunto do territorio galego.
Saúdos, Departamento de Comunicación