- Este compromiso materializouse o pasado venres, 20 de setembro, a través da Alianza Circular sobre os Plásticos, coa que se pretende dar cumprimento ao obxectivo europeo de utilizar cada ano 10 millóns de toneladas de plástico reciclado e chegar ao vertido cero na natureza.
- A Comisión Europea xa fixara este obxectivo na súa Estratexia sobre o Plástico, publicada en xaneiro de 2018, como parte dos seus esforzos para impulsar a reciclaxe de plásticos no continente.
- A declaración da Alianza seguirá estando aberta para a súa firma no sitio web da Comisión a fin de que máis sinatarios, especialmente as autoridades públicas de toda Europa, se vaian sumando á mesma ao longo do tempo.
Cerceda, a 24 de setembro de 2019.- O pasado venres, 20 de setembro, máis dun cento de representantes de todas as etapas da cadea de valor dos plásticos, pertencentes tanto ao sector público como privado, formalizaron a declaración da Alianza Circular sobre os Plásticos, cuxo obxecto é precisamente promover, con carácter voluntario, accións para o bo funcionamento do mercado europeo de plástico reciclado.
Na declaración, asinada por empresas pequenas, medianas e grandes, asociacións empresariais, organismos de normalización e investigación, así como autoridades locais e nacionais, recóllese como se logrará esta alianza de aquí a 2025, dando así cumprimento ao obxectivo europeo de utilizar cada ano 10 millóns de toneladas de plástico reciclado para fabricar novos produtos e chegar ao vertido cero na natureza.
Para alcanzar este obxectivo, establécense unha serie de accións tales como mellorar o deseño dos produtos de plástico para facelos máis reciclables e integrar máis plásticos reciclados; identificar o potencial sen explotar para recoller máis residuos plásticos, clasificalos e reciclalos en toda a UE, así como abordar as deficiencias en materia de investimento; elaborar unha axenda de investigación e desenvolvemento para plásticos circulares; e establecer un sistema de seguimento transparente e fiable para rastrexar todos os fluxos de residuos plásticos na UE.
Neste sentido, é preciso recordar que a Comisión Europea xa fixara este obxectivo na súa Estratexia sobre o Plástico, publicada en xaneiro de 2018, como parte dos seus esforzos para impulsar a reciclaxe de plásticos no continente.
Foi tamén a propia CE quen anunciou, o 11 de decembro de 2018, o lanzamento da Alianza Circular sobre os Plásticos, reuníndose por primeira vez o 5 de febreiro de 2019 durante as Xornadas Europeas da Industria.
A declaración da Alianza seguirá estando aberta para a súa firma no sitio web da Comisión a fin de que máis sinatarios, especialmente as autoridades públicas de toda Europa, se vaian sumando á mesma ao longo do tempo. Anímase tamén ás asociacións e empresas a que, se aínda non o fixeron, se comprometan voluntariamente a usar ou producir máis plástico reciclado.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación