- Educadores desta empresa pública incidiron na práctica diaria dos tres erres (reducción, reutilización y reciclaje) por representar os xestos básicos cos que minimizar a cantidade de refugallos que se destinan a plantas de tratamento finalistas
- Así mesmo, a compañía achegou composteiros ao centro para que a comunidade educativa poida elaborar o seu propio compost e utilizalo nos xardíns do propio recinto académico
Cerceda, a 21 de outubro de 2024.- Máis dun cento de escolares de primaria pertencentes ao CPI Virxe da Cela de Monfero (A Coruña), así como seis docentes, foron instruídos por educadores de Sogama na xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención á práctica diaria da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) por representar os tres xestos esenciais cos que poñer en valor os refugallos e minimizar os envíos a plantas de tratamento finalistas.
Así, proporcionáronse as claves para previr e diminuír a cantidade de lixo xerado cada día a través de hábitos de consumo responsables e para alongar ao máximo a vida útil dos produtos mediante a cultura do máximo aproveitamento. E, unha vez convertidos en residuos, incidiuse na imperiosa necesidade de depositar cada tipoloxía no contedor correspondente para garantir o seu posterior reciclado.
Dado que este centro dispón de comedor escolar e conta cada día cun elevado número de comensais, Sogama tamén achegou composteiros á comunidade educativa co fin de darlles a oportunidade de elaborar o seu propio compost, que empregarán como abono natural nos seus xardíns, pechando desta forma o ciclo de recuperación da materia orgánica.
As charlas e talleres impartidos polos monitores de Sogama tiveron unha excelente acollida neste colexio coruñés, cuxos alumnos aproveitaron a oportunidade para consultar as súas dúbidas sobre segregación de residuos en orixe e contedor de destino, dada a confusión á que pode abocar a composición dalgúns materiais.
Saúdos, Departamento de Comunicación