-
Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, ante os micrófonos de EsRadio Galicia, onde tamén detallou a secuencia de decisións estatais que desembocaron nunhas perdas de 18 M€ para a empresa pública, logo de oito anos consecutivos de beneficios
-
Lembrou que a adhesión a Sogama é voluntaria e que Galicia conta con outros dous sistemas, Nostián e Barbanza, cuxos prezos son superiores, isto é, 119 e 150 €/t respectivamente, fronte á media de 66 €/t de Sogama, unha vez descontada a achega da Xunta aos concellos a través dun FCL adicional
Cerceda, a 31 de xullo de 2024.- En declaracións a EsRadio Galicia, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, insistiu en que, detrás da actualización do canon relativo á xestión dos residuos en 2024, atópanse as medidas establecidas polo Estado, que deron comezo cos impostos á vertedura e á incineración, contemplados na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados por unha economía circular, e cuxa aplicación se fixo efectiva a partir do 1 de xaneiro de 2023, decidindo Sogama asumilos directamente, sen repercutilos aos concellos.
Os beneficios económicos obtidos pola empresa en exercicios anteriores e a súa boa situación financeira, equilibrada e saneada, permitiulle facer fronte aos 9,1 M€ derivados destes tributos. Con todo, a mediados do pasado ano, concretamente en xullo, unha orde ministerial sorprendía de novo a Sogama ao eliminar a retribución ao investimento da planta termoeléctrica, comprometida ata 2026, cando finalizaría a súa vida útil, e que supuxo para a compañía deixar de ingresar 18 M€. A isto habería que engadir a diminución á retribución á explotación da planta de coxeración e a recuperación do imposto eléctrico do 7%, que se traduciu en 2,9 M€ menos.
Estas decisións incrementaron en 39 euros o custo do tratamento da tonelada de residuos en Sogama, polo que a compañía viuse obrigada, para garantir a súa viabilidade, a actualizar o canon, pero fíxoo no mínimo imprescindible, evitando desta forma que as medidas do Goberno central prexudicasen, aínda máis, as arcas locais.
Domínguez Lino lembrou que, mentres que a Xunta de Galicia presentou alegacións ao establecemento dos impostos referenciados, avogando pola bonificación como medio para promover mellores comportamentos ambientais a través da redución de residuos, a reciclaxe e a compostaxe, a FEGAMP e a FEMP puxéronse de perfil, sabendo os tributos acabarían penalizando aos concellos e aos cidadáns. “O Estado, non só fixo caso omiso ás alegacións do goberno galego, senón que tampouco dou contestación ás consultas e dúbidas trasladadas pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama respecto da implantación dos tributos”, subliñou o máximo responsable de Sogama, ao que engadiu que “se ben os impostos enmárcanse nunha directiva europea, o certo é que 17 Estados membros solicitaron moratorias para a súa aplicación polas dúbidas que xeran a súa efectividade e polo impacto económico que supoñen para a poboación”.
Voluntario, económico e sostible
A preguntas do locutor, Javier Domínguez lembrou que a adhesión a Sogama é voluntaria e que Galicia conta con outros dous sistemas de xestión de residuos, Nostián e Barbanza, cuxos prezos son superiores aos da empresa pública, isto é, 119 e 150 €/tonelada respectivamente, fronte ao canon medio de 66 €/tonelada de Sogama, unha vez descontada a achega da Xunta de Galicia, a través dun FCL adicional, de 12 €/tonelada aos 295 concellos adheridos ao sistema maioritario en Galicia.
Así mesmo, Domínguez destacou que, tanto Nostián como Barbanza, dispoñen de altas taxas de vertedura (50% e 64%), a opción de tratamento máis nociva para o medio ambiente e a saúde pública, mentres que en Sogama o uso do vertedoiro queda relegado ao 21%.
Así as cousas, esta empresa pública, que xa fixo investimentos por máis de 100 millóns de euros nos últimos anos para optimizar o servizo que presta aos galegos, seguirá a ter o canon máis barato de Galicia e o de España para plantas da súa tipoloxía.
Saúdos, Departamento de Comunicación