- A empresa pública subministrou 40 composteiros ao Concello, quen os distribuirá entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o círculo de reciclaxe da materia orgánica.
- Así mesmo, técnicos de Sogama impartirán o próximo 24 de abril dous cursos de formación orientados aos veciños participantes nesta iniciativa, aos que tamén se entregará material divulgativo de apoio.
Cerceda, a 9 de abril de 2021.- Do mesmo xeito que fixeron no seu momento varios Concellos da comarca de Bergantiños, Malpica (A Coruña) acaba de asinar a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama.
O obxectivo do ente local é promover a valorización da materia orgánica in situ e recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.
Sogama proporcionou gratuitamente a este Concello 40 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante; un abono de alta calidade con excelentes propiedades para o solo, xa que, ademais de actuar como nutriente, tamén o protexe fronte a enfermidades e pragas.
Dado que a composición media dunha bolsa de lixo tipo está conformada por materia orgánica nun 42%, se esta porcentaxe se recupera nos propios fogares, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando desta forma un aforro de custos, tanto ambientais como económicos.
FORMACIÓN
Xunto cos recipientes, Sogama proporcionará ao ente local manuais didácticos de compostaxe doméstica, cuxa función é servir de ferramenta de consulta para os usuarios, que poderán complementar igualmente os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal
Así mesmo, o próximo 24 de abril, técnicos da Sociedade impartirán dous cursos de formación orientados aos veciños participantes nesta iniciativa e nos que explicarán o procedemento a seguir efases da operativa, detallarán o que pode e non pode ser depositado no composteiro e incidirán na importancia que ten o control de parámetros claves para a obtención dun compost que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente, isto é, osíxeno, temperatura e humidade.
O encontro servirá igualmente para que os asistentes poidan disipar dúbidas e trasladar as súas observacións e comentarios.
Será o propio Concello o encargado de facer o seguimento do programa.
Saúdos, Departamento de Comunicación