- As vivendas deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante
- Con esta nova partida, serán 115 os fogares adscritos a esta iniciativa, con importantes vantaxes ambientais e económicas
- O concello repartirá tamén entre os participantes manuais didácticos de apoio nos que se explica a dinámica a seguir e dáse solución aos problemas máis frecuentes
Cerceda, ao 24 de outubro de 2023.- No seu firme compromiso coa sostibilidade, o Concello de Malpica de Bergantiños decidiu estender as prácticas de autocompostaxe a novas vivendas, solicitando para isto a colaboración de Sogama, quen remitiu ao entre local unha nova partida de 50 composteiros, que, sumados aos 65 subministrados en anos anteriores, fan un total de 115.
Trátase de recipientes con capacidade para 400 litros, fabricados a partir de materiais reciclados e que constitúen un elemento de apoio para facer máis cómodo, hixiénico e eficiente o proceso de transformación da materia orgánica en compost, un abono natural de alta calidade que achega nutrientes a plantas e cultivos, e que mesmo os protexe fronte a pragas e enfermidades.
Condición indispensable é que os veciños que desexen participar nesta iniciativa habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, polo xeral, de moi boa calidade, cumprindo con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente.
Sogama tamén enviou ao ente local manuais didácticos de apoio para repartir entre os participantes, nos que se explica a operativa a levar a cabo: desde a propia localización do composteiro, que debe estar nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo co solo para facilitar o acceso dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais a introducir no mesmo. Igualmente, detállase o control que deben facer os usuarios do proceso, comprobando periodicamente a humidade, xa que a mestura non debe estar moi seca nin mollada, a temperatura e o osíxeno. Tamén se dá resposta ás preguntas máis frecuentes e solución aos erros máis comúns.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición total dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera nos propios fogares e se transforma en abono, evítase o seu depósito no contedor, aforrando custos, tanto económicos como medioambientais.
Máis información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación