- Antigua e Barbuda, Trinidad e Tobago, e Paraguay foron os tres últimos en adherirse a esta iniciativa.
- Lanzada en 2017 para protexer os océanos do lixo mariño, “Mares Limpos” constitúe a maior alianza na loita contra a contaminación por plásticos.
- Unha vintena de países de América Latina e o Caribe forman parte da mesma, tendo destacado xa no seu momento polas súas boas prácticas ambientais no uso racional do plástico.
- Xa en 2016, Antigua e Barbuda converteuse no primeiro país de América Latina e o Caribe en prohibir as bolsas de plástico dun só uso e agora traballa para eliminar os produtos desbotables de poliestireno.
Cerceda, a 28 de marzo de 2019.- Tralas adhesións de Antigua e Barbuda, Trinidad e Tobago, e Paraguay, un total de 60 países que custodian máis do 60% das costas do mundo, xa forman parte da campaña “Mares Limpos”, a maior alianza na loita contra a contaminación por plásticos.
Lanzada a principios do ano 2017, esta iniciativa vela pola limpeza dos océanos, instando a gobernos, empresas e cidadáns a prescindir do plástico dun só uso e a protexer os ecosistemas e biodiversidade mariña, aí como a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
Unha vintena de países de América Latina e o Caribe forman parte desta iniciativa, tendo destacado no seu momento polas súas boas prácticas ambientais no ámbito do uso racional do plástico. Xa en 2016, Antigua e Barbuda converteuse no primeiro país de América Latina e o Caribe en prohibir as bolsas de plástico dun só uso e agora traballa para eliminar os produtos desbotables de poliestireno, un obxectivo que espera alcanzar o próximo ano, ademais de ampliar a súa capacidade recicladora.
Antigua e Barbuda, xunto con Trinidad e Tobago, así como Paraguay escenificaron a súa adhesión a mares Limpos durante a Cuarta Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, celebrada a mediados deste mes en Nairobi, e onde representantes de 170 países déronse cita para elaborar unha nova folla de ruta que permita a prosperidade do planeta, pero sen comprometer os seus recursos naturais, garantindo o benestar das próximas xeracións.
Trinidad e Tobago quere reforzar o seu sistema de xestión de residuos e formar e sensibilizar á poboación sobre a necesidade de segregar os refugallos para posibilitar a súa posterior recuperación.
Pola súa banda, Paraguay, aínda que non ten costa, comprometeuse a limpar os seus ríos, labor que iniciará na propia capital, Asunción. De feito, máis dun milleiro de voluntarios recolleron 43 toneladas de lixo do río Mburicaó en febreiro. O goberno confía en restaurar o río e devolverlle todos o seu esplendor, ademais de crear conciencia ambiental na poboación.
A necesidade de intensificar a loita contra a contaminación por plásticos está cada vez máis presente en América Latina e o Caribe, unha rexión especialmente vulnerable ao lixo mariño e a ameazas ocasionadas polo cambio climático tales como as tormentas, cada vez máis virulentas.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación