- Pertencían ao colexio La Salle e ao CEIP Plurilingüe A Laxe, e todos eles tiveron a oportunidade de aprender, e tamén de gozar, durante unha visita virtual 360º con lentes inmersivas que lles permitiu observar o circuíto de tratamento de residuos nesta empresa pública
Cerceda, a 4 de decembro de 2023.- Máis dun cento de escolares de educación primaria de Ferrol, do colexio La Salle e CEIP Plurilingüe A Laxe, visitaron recentemente o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer a súa operativa e comprobar por si mesmos a xestión que reciben os residuos que depositan nos contedores amarelos (envases de plástico, latas e briks) e xenéricos (resto).
A través dun percorrido virtual que efectuaron con lentes inmersivas 360º, adentráronse na Planta de Clasificación de Envases, onde se seleccionan de forma automática os materiais contidos na bolsa amarela para remitilos posteriormente aos centros recicladores. Alí convértense en novas materias primas coas que se fabrican novos produtos, logrando con isto un importante aforro enerxético e de recursos.
Respecto da bolsa negra, e tras separar os materiais reciclables depositados erroneamente polo cidadán no contedor xenérico, acondiciónase un combustible CDR coa parte non reciclable, que é valorizado na Planta Termoeléctrica para producir enerxía eléctrica 50% renovable. De feito, esta instalación xera a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A xornada complementouse coas explicacións dos educadores, vídeos e xogos, podendo destacar, entre estes últimos, os Arcade. A través de catro máquinas, cada unha dedicada a un determinado contedor, e con dous xogadores adscritos, mentres un deles debe recoller os residuos que van aparecendo pola pantalla e arrastrándoos ata o recipiente correspondente, o compañeiro encárgase de transportalos ata a planta de tratamento correspondente. A maior número de acertos, que virán dados polo coñecemento, axilidade e reflexos, máis puntos.
Saúdos, Departamento de Comunicación