- Ángeles Vázquez anuncia a incorporación desta entidade ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama e que xa suma máis de 300 adhesións entre administracións locais, centros educativos e outros colectivos.
- A Consellería ofrecerá tamén cursos de formación aos seus asociados sobre a valorización da materia orgánica e o seu uso como fonte de enerxía.
- Con este novo reparto, a Xunta leva xa distribuídos preto de 11.000 equipos para o aproveitamento da fracción orgánica para a xeración de compost.
Paderne, a 20 de setembro de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregaralle ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) un cento de composteiros de 390 litros de capacidade para que os distribúa entre os seus asociados para facilitarlles a xestión dos seus biorresiduos. Así o anunciou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha visita á explotación agrícola ecolóxica Orballo, no Concello de Paderne.
Precisamente, esta empresa coruñesa recibirá un dos 100 composteiros solicitados por Craega, que acaba de formalizar a súa adhesión ao Programa de Compostaxe Doméstica que xestiona a Consellería a través de Sogama. O resto, serán distribuídos progresivamente entre os socios que escolla o propio Consello regulador atendendo ao tipo de actividade que desenvolven e do mellor uso e aproveitamento que lles poidan dar.
Coa incorporación do Craega ao programa, explicou Vázquez Mejuto, son xa 304 as entidades adheridas no conxunto da comunidade, entre concellos, centros educativos e colectivos de carácter social ou empresarial. En total e desde a posta en marcha do programa, no ano 2014, lévanse distribuídos gratuitamente máis de 10.700 composteiros feitos a partir de materiais reciclados e recuperables ao final da súa vida útil.
Así mesmo, a conselleira tamén avanzou que Sogama impartirá aos socios de Craega dous cursos de formación sobre a valorización da materia orgánica e o uso dos composteiros co fin de que lles saquen o máximo partido a estes colectores pensados especificamente para depositar e aproveitar a materia orgánica que xeran no marco da súa actividade.
Neste sentido, a conselleira puxo en valor o compromiso ecolóxico que demostran as entidades agrupadas baixo o selo de Craega, demostrando que desde o respecto ao medio ambiente tamén se poden impulsar negocios sustentables e rendibles. Por iso, amosouse convencida de que farán un bo uso destes composteiros, grazas aos que poderán incrementar a súa contribución á reciclaxe e ao aproveitamento dos residuos co obxectivo de avanzar cara ao chamado vertido técnico 0.
IMPLANTAR A COMPOSTAXE NA CONCIENCIA CIDADÁ
Ángeles Vázquez lembrou que grazas á compostaxe se poden lograr numerosos beneficios ambientais e económicos xa que, por termo medio, a bolsa negra de lixo dun fogar está composta nun 42% por materia orgánica.
“Se en vez de desbotar esa fracción orgánica a aproveitamos para xerar compost, como se facía tradicionalmente no rural galego, reduciremos os residuos, diminuiremos as emisión de CO2 e conseguiremos ademais fertilizantes de primeira calidade”, engadiu a conselleira, que resaltou a importancia de iniciativas como o Programa de Compostaxe Doméstica de Sogama para promover a implantación deste tipo de prácticas non só nos fogares, senón tamén en empresas e mesmo nos colexios.
A este respecto, Vázquez Mejuto referiuse a unha iniciativa “pioneira” que acaba de poñer en marcha a súa Consellería, coincidindo co inicio do curso escolar. Grazas ao apoio da Xunta, medio cento de centros públicos de Primaria de toda Galicia implantarán nos próximos meses un proxecto de compostaxe escolar para aproveitar a materia orgánica que se xera nos seus comedores. Ademais, o abono que se produza en cada colexio será reutilizado nos seus propios hortos.
Iniciativas coma esta, unido ao traballo que se desenvolve desde o Programa de Compostaxe Doméstica e a outras campañas e actuacións específicas para mellorar a xestión do lixo urbano impulsadas pola Consellería de Medio Ambiente, contribúen, como subliñou a conselleira, ao obxectivo común de reducir a produción de residuos e avanzar cara a unha economía circular. Neste sentido, incidiu na necesidade de superar o actual modelo lineal, baseado en consumir e desbotar, por outro no que prime a recuperación e o tratamento dos residuos como novos recursos que poden volver a entrar no ciclo produtivo.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
Saúdos, Departamento de Comunicación