- A solicitude do Concello, Sogama subministrará a este municipio pontevedrés 50 composteiros e outros tantos manuais de apoio
- Sumando partidas anteriores de recipientes entregados por esta empresa pública, serán 242 os fogares arbenses que autoxestionen os residuos orgánicos para convertelos en compost
- Con esta práctica, o ente local pretende alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais
Cerceda, a 30 de maio de 2022.- En resposta á solicitude realizada polo Concello de Arbo, Sogama subministrará a esta localidade pontevedresa un total de 50 composteiros para que sexan repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares interesadas en sumarse á autocompostaxe da materia orgánica.
Coa nova partida, serán 242 os fogares que disporán destes recipientes para valorizar os restos de alimentos e vexetais a través da súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, xa que, máis aló de achegarlle nutrientes, tamén o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Con esta iniciativa, os entes locais, ademais de propiciar a reciclaxe dos residuos orgánicos nas propias vivendas que dispoñan de terreo, pretenden reducir a cantidade de refugallos depositados pola veciñanza no contedor convencional e, polo tanto, as toneladas que deben transportar ás instalacións de Sogama para o seu tratamento final, minorando o importe da factura a pagar á empresa pública.
Así mesmo, recupérase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono, un proceso que agora, coa axuda do composteiro, resulta máis cómodo, hixiénico e eficiente.
MANUAIS DE APOIO
A Sociedade Galega do Medio Ambiente tamén remitiu ao ente local manuais de compostaxe para repartir entre os veciños participantes, posibilitando que dispoñan de toda a información sobre os mecanismos de preparación e fermentación da materia orgánica, ademais de facer fincapé no necesario control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O fin último é obter un compost de alta calidade, apto para ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Neste manual detállanse as fases do proceso a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, dando resposta ás dúbidas e preguntas máis frecuentes.
Os interesados tamén teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, coa que poderán complementar os seus coñecementos e acceder a recursos de interese tales como vídeos e xogos en liña.
Sogama repartiu na provincia de Pontevedra preto de 6.300 composteiros entre 119 entidades (46 concellos, 65 centros educativos e 6 colectivos sociais).
Saúdos, Departamento de Comunicación