- Coordinado por AIMPLAS, analizará medidas orientadas a previr e a reducir a xeración destes residuos, así como a viabilidade de tecnoloxías innovadoras que permitan poñer en valor estes residuos e obter a partir dos mesmos materias primas secundarias a introducir de novo no mercado.
- Cunha duración de 42 meses, o proxecto aglutina a participación de 20 socios, participando no mesmo, entre outras entidades, a Asociación de Cidades e Rexións para a Reciclaxe e a Xestión Sostible de Recursos (ACR+).
Cerceda, a 13 de marzo de 2019.- A mellor xestión dos residuos voluminosos é obxecto dun estudo enmarcado no proxecto europeo H2020 URBANREC, coordinado por AIMPLAS.
Mobles, colchóns e mobiliario de xardín, entre outros, configuran a lista de refugallos que se enmarcan nesta categoría e que, dadas as súas características, non poden ser mesturados co lixo convencional, debendo ser entregados nos puntos limpos municipais para o seu correcto tratamento por parte de xestores autorizados e conforme á normativa vixente.
A través deste proxecto analizaranse medidas orientadas a previr e a reducir a xeración de residuos voluminosos, así como a viabilidade de tecnoloxías innovadoras que permitan poñer en valor estes refugallos e obter a partir dos mesmos materias primas secundarias a introducir de novo no mercado.
Dado que os residuos voluminosos están conformados na súa meirande parte por materiais tales como espumas de poliuretano ou látex, mesturas de diferentes plásticos e variedade de tecidos e madeira, a valorización dos mesmos permitiría obter, mediante solucións innovadoras de reciclado mecánico e químico, produtos de alto valor engadido tales como adhesivos, disolventes ou aditivos, espumas, composites reforzados con fibras e feltros, e plásticos reforzados como os WPC (Wood Plastic Compound). O obxectivo último é valorizar o 82% dos residuos voluminosos de toda Europa.
O estudo recabará información sobre a situación da xestión destes residuos nos ámbitos territoriais abarcados polo proxecto, isto é, a rexión de Harelbeke, en Flandes (Bélxica); a cidade de Varsovia, en Polonia; a rexión de Izmir, en Turquía; e a provincia de Valencia, en España.
Deterase especialmente en avaliar a percepción social respecto das medidas e tecnoloxías implantadas, así como a opinión cidadá en relación aos produtos desenvolvidos a partir de materiais reciclados.
Cunha duración de 42 meses, o proxecto aglutina a participación de 20 socios, participando no mesmo, entre outras entidades, a Asociación de Cidades e Rexións para a Reciclaxe e a Xestión Sostible de Recursos (ACR+), con sede en Bélxica.
Fonte: AIMPLAS
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación