- A xornada levarase a cabo o vindeiro mércores, 6 de novembro, ás 19:00 horas, no Local Casa do Mar.
- Educadores ao servizo desta empresa pública deteranse en explicar a importancia da colaboración cidadá para lograr unha xestión máis sostible dos residuos urbanos.
- Así, o consumo responsable, a redución, a reutilización e a reciclaxe constituirán os conceptos básicos sobre os que xirará o encontro.
- Tamén se darán a coñecer as claves para diminuír o desperdicio alimentario, as bondades da compostaxe doméstica e a problemática da contaminación por plásticos, especialmente na contorna mariña.
Cerceda, a 4 de novembro de 2019.- O vindeiro mércores, 6 de novembro, os integrantes da Asociación Veciñal de Corrubedo, pertencente ao concello de Riveira (A Coruña) teñen unha cita con Sogama . Será no Local Casa do Mar, ás 19:00 horas.
Educadores desta empresa pública impartirán unha sesión formativa que se centrará nas boas prácticas para contribuír, desde o fogar, o traballo, a escola e o tempo de lecer, a unha xestión máis sostible dos residuos urbanos.
MENOS LIXO, MÁIS RECICLAXE
No transcurso da xornada explicarase a importancia de levar a cabo un consumo responsable, de minimizar a produción de residuos, de alongar ao máximo a vida útil dos produtos e de separalos por tipoloxías, unha vez convertidos en refugallos, para depositalos no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde xenérico, para a fracción resto.
Porase tamén o foco de atención na compostaxe doméstica, unha magnífica opción de tratamento para os restos orgánicos producidos naquelas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, un abono natural de excelente calidade.
Neste sentido, cabe recordar que o concello de Riveira está adherido ao programa de autocompostaxe de Sogama nunha firme aposta pola recuperación e transformación da materia orgánica in situ, pechando o ciclo do seu aproveitamento e devolvéndoa á terra en forma de nutriente.
Falarase da actividade industrial de Sogama, encargada de xestionar os residuos depositados no contedor amarelo e verde convencional
Respecto dos primeiros, e tras separalos por tipoloxías na súa planta de clasificación, remíteos aos centros recicladores, onde se converten en novos produtos.
En relación ao lixo xenérico, consegue segregar a parte reciclable a través de tecnoloxías de última xeración, convertendo o resto nun combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para producir, dunha forma limpa e respectuosa co medio ambiente e a saúde, enerxía eléctrica. De feito, a electricidade producida no Complexo Medioambiental de Cerceda equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Abordaranse igualmente outras cuestións tales como o desperdicio alimentario e a problemática inherente á contaminación por plásticos, especialmente na contorna mariña, con negativas consecuencias para os ecosistemas, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
O encontro servirá igualmente para que os asistentes consulten todas as súas dúbidas e deixen constancia dos seus comentarios e observacións, de gran importancia para a mellora do sistema.
Saúdos, Departamento de Comunicación