- Configurado como epicentro do Pacto Verde Europeo, contempla iniciativas para todo o ciclo de vida dos produtos a fin de mantelos o maior tempo posible na economía.
- O seu principal obxectivo é reducir a pegada do consumo da UE e duplicar a taxa de utilización do material circular na próxima década, impulsando ao mesmo tempo o crecemento económico.
- As liñas de actuación diríxense cara ao ecodeseño, o empoderamento dos consumidores e a articulación de procesos de produción máis sostibles orientados a reducir ao mínimo a presión sobre os recursos naturais.
Cerceda, a 23 de marzo de 2020.- O novo Plan de acción para a economía circular, configurado como epicentro do Pacto Verde Europeo, contempla iniciativas para todo o ciclo de vida dos produtos (desde o deseño e a fabricación ata o consumo, a reparación, a reutilización e o reciclado) a fin de mantelos o maior tempo posible na economía.
O seu principal obxectivo é reducir a pegada do consumo da UE e duplicar a taxa de utilización do material circular na próxima década, impulsando ao mesmo tempo o crecemento económico. De feito, considérase que a aplicación das medidas de economía circular en Europa pode aumentar o PIB nun 0,5 % adicional de aquí a 2030 e crear uns 700.000 novos postos de traballo.
O patrón lineal de produción e consumo («extraer, fabricar, usar e tirar») debe dar paso a un circular no que os produtos ecolóxicos se convertan na norma.
Neste sentido, faise fincapé en que a economía circular pode contribuír decisivamente á descarbonización da nosa economía mediante a redución da pegada do carbono e dos materiais.
MENOS RESIDUOS, MÁIS RECURSOS
No ámbito dos residuos, priorízase a súa prevención e, unha vez xerados, a transformación dos mesmos en recursos de alta calidade. A Comisión seguirá modernizando a lexislación europea neste ámbito e estudará o xeito de axudar aos cidadáns a separar os seus refugallos mediante un modelo harmonizado a escala da UE para a recollida separada dos mesmos e o seu etiquetado.
INXECCIÓN DE FONDOS E ENFOQUE MUNDIAL
A fin de avanzar cara a consecución dos ambiciosos obxectivos contemplados no plan de economía circular, poranse a disposición numerosos fondos da UE (Fondos de Cohesión, Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e programa LIFE) ata o gasto con cargo aos programas sociais, de investigación e innovación. O Plan tamén inclúe accións para mobilizar financiamento privado a través de instrumentos financeiros da UE como InvestEU.
Adicionalmente, proponse a creación dunha alianza mundial pola economía circular a fin de estudar a definición dun «espazo de actuación seguro», abrindo un debate sobre un posible acordo internacional de xestión dos recursos naturais.
A Comisión liderará igualmente os esforzos internacionais por alcanzar un acordo mundial sobre os plásticos e promoverá a aceptación do enfoque da UE sobre a economía circular neste ámbito.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación