- Promovida pola Xunta de Galicia a causa da emerxencia sanitaria, ten como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural.
- Con esta rede, non só se permitirá ao consumidor acceder fácilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade.
- Os produtores que queiran participar en “Mercaproximidade” estarán obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais protocolos que resulten esixibles segundo o seu tipo de produción.
Cerceda, a 21 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia creou a rede “Mercaproximidade”, unha canle alternativa de comercialización concibida para os produtos agrogandeiros galegos que viron reducidas as súas vendas a causa da pechadura da hostalería e os mercados municipais durante a emerxencia sanitaria.
Con esta rede, non só se permitirá ao consumidor acceder fácilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade.
Deste xeito, poderán acollerse á iniciativa en calidade de provedores os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así coma os gandeiros de vacuno, porcino, ovino e caprino, entre outros. Para isto deben estar inscritos no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). A maiores, poderán incorporarse á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.
A adhesión a "Mercaproximidade" dos provedores levarase a cabo preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, previo mandato ao seu favor outorgado polo produtor.
REQUISITOS DE ADHESIÓN
Os produtores que queiran participar en “Mercaproximidade” estarán obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais protocolos que resulten esixibles segundo o seu tipo de produción. Igualmente, as persoas produtoras que se adhiran á rede deberán cumprir as condicións e requisitos fixados polos establecementos que comercialicen as súas producións.
CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN
Paralelamente, a Consellería de Medio Rural lanzará unha campaña dirixida aos consumidores finais, non só para concienciarlos da calidade destes produtos, senón tamén para facerlles ver que, coa súa compra, poden contribuír á viabilidade do sector agrogandeiro galego. Nesa liña, os produtos de "Mercaproximidade" estarán perfectamente identificados, para que os consumidores saiban da súa orixe, así como do seu vínculo coa iniciativa.
Para que a sociedade teña coñecemento das empresas que accederon a dar saída a estas producións, a relación de entidades colaboradoras manterase debidamente actualizada tanto na campaña de comunicación como na páxina web da Consellería de Medio Rural.
De xeito excepcional, a orde, que entrou en vigor o pasado 15 de abril, tamén contempla que a Consellería poderá comprar directamente os produtos adheridos á rede para a súa cesión a comedores sociais, centros sanitarios ou residencias no contexto de loita contra o coronavirus.
A rede “Mercaproximidade” ten como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural.
Fonte e imaxe: Xunta de Galicia