- A empresa pública acolleu na súa sede un acto de balance da instauración desta metodoloxía xaponesa na planta de clasificación de envases, tendo constatado os seus notables beneficios a nivel de organización, eficiencia, limpeza, orde, mellora na contorna de traballo e unha maior satisfacción do persoal
- O proxecto pretende ser a primeira peza sobre a que construír un sistema de produción como o “Lean green”, deseñado precisamente para mellorar a eficiencia operacional e garantir a sostibilidade
Cerceda, a 13 de xaneiro de 2024.- A finais do pasado mes de decembro, a sede de Sogama acolleu un acto protagonizado polos traballadores e traballadoras adscritos á planta de clasificación, situada no Complexo Medioambiental de Cerceda, e onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo a fin de separalos mecanicamente por tipos de material e remitilos aos centros recicladores para ser convertidos en novos recursos.
O obxectivo desta cita era poñer en valor o esforzo de todo o equipo humano na implantación da denominada Metodoloxía 5S, con orixe en Xapón e sustentada en 5 piares: clasificación (Seiri), organización (Seiton), limpeza (Seiso), estandarización (Seiketsu) e disciplina (Shitsuke), deixando tamén constancia dos logros acadados a nivel de organización, eficiencia, limpeza, orde, mellora na contorna de traballo e no propio ambiente laboral, e mesmo unha maior satisfacción do persoal.
Da man de Prezero, firma xestora da planta de clasificación, e co asesoramento de Newmind, empresa galega de innovación, logrouse configurar un espazo de traballo máis atractivo, produtivo e seguro ao minimizar a presenza de obstáculos, ferramentas e suministros innecesarios, á vez que se propiciou un menor consumo de recursos e unha menor xeración de residuos, contribuíndo desta forma á economía circular.
O proxecto, que tomou a forma de piloto, dispoñendo así dun primeiro estándar LEAN, pretende ser a primeira peza sobre a que construír un sistema de produción coma o “Lean green”, deseñado precisamente para optimizar a eficiencia operacional e garantir a sostibilidade.
A Dirección de Sogama apela á mellora continua
O acto de peche da primeira fase do proxecto foi introducido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen felicitou aos principais actores do mesmo (Prezero, Departamentos Técnico e de Recursos Humanos de Sogama, e, por suposto, ao persoal da planta de clasificación), agradecendo a todos eles o seu compromiso coa mellora continua e o espírito de apertura cara a formas de traballar máis produtivas e eficientes, xa que iso redundará na prestación dun mellor servizo público a Galicia.
Pola súa banda, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, apelou á necesidade de formularse novos retos e obxectivos máis ambiciosos, convencida de que con tesón, esforzo, organización e cooperación, poderán ser alcanzados. Mostrou tamén a súa gratitude a técnicos e operarios implicados no proxecto, e alentou a seguir traballando nesta liña por todas as vantaxes que trae consigo.
Trala intervención dun representante de Newmind, o xefe da Planta de Clasificación por parte de Prezero, Javier Froján, e o técnico da Área de Recursos Humanos de Sogama, José Manuel Pallas, fixeron un balance da iniciativa, detallando as medidas aplicadas e os labores de seguimento da mesma, e deixando tamén constancia do notable cambio das instalacións trala implantación das 5S. Así mesmo, fixéronse eco das impresións dos responsables de quenda, de mantemento, de operación e de limpeza, os cales destacaron a redución do tempo de resposta ante avarías e atascos, a xeración de máis espazo, a creación dunha contorna de traballo máis limpa e amable, e a facilidade para atopar as ferramentas e útiles necesarios en cada momento.
Saúdos, Departamento de Comunicación