- Son diminutos fragmentos procedentes da descomposición dos plásticos, case imperceptibles a primeira ollada, que chegan logo ás nosas mesas nos peixes que comemos ou ben no sal co que condimentamos os nosos pratos
- A Fundéu BBVA elixiu este termo como palabra do ano 2018 para que os cidadáns entendamos mellor o alcance do mesmo e que cheguemos a comprender con maior nitidez o problema que representa.
- Distintos países xa están tomando cartas no asunto e o Parlamento Europeo xa se posicionou a favor de prohibir os plásticos dun só uso a partir do ano 2021.
- Non obstante, tal como sinala a Fundéu BBVA, “máis aló das normas e leis, parece obvio que, do mesmo xeito que a suma de millóns de actitudes individuais creou un problema, será tamén a suma de xestos de cada un de nós a que contribúa a solucionalo”.
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2019.- A contaminación por residuos plásticos constitúe un dos maiores problemas ambientais aos que se enfronta a humanidade. Son numerosas as iniciativas, moitas lideradas por ONU Medio Ambiente, que se puxeron en marcha para facer fronte a este desafío.
O que comezou sendo algo afastado (concentracións de plásticos no océano Pacífico), foise achegando ao noso día a día e todos somos coñecedores do negativo impacto que os refugallos plásticos están a ocasionar en todo o que ten que ver co mundo mariño: ecosistemas, fauna, pesca, turismo e a propia alimentación que chega ás nosas mesas.
Os plásticos descompóñense en diminutos fragmentos, case imperceptibles a primeira ollada, que chegan logo ás nosas mesas nos peixes que comemos ou ben no sal co que condimentamos os nosos pratos.
A Fundéu BBVA elixiu o termo microplástico como palabra do ano 2018 para que os cidadáns entendamos mellor o alcance do mesmo e que cheguemos a comprender con maior nitidez o problema que representa.
Tal e como explicaba no seu momento Bethany Jorgensen, investigadora do Laboratorio de Ecoloxía Cívica da Universidade de Cornell, en Nova York, á axencia EFE, comemos e bebemos plásticos. Está nos peixes, nos mexillóns, noutros moluscos, no marisco, pero tamén se atopan microplásticos e microfibras nos sistemas de distribución de auga, tanto da billa como embotellada.
Así mesmo, un estudo da Axencia Federal de Medio Ambiente de Austria e a Universidade de Medicina de Viena confirmou o achado de mostras de microplásticos en feces humanas.
Debe poñerse freo ao desmesurado consumo de plástico dun só uso (vasos, pratos, cubertos, palliñas, etc.) e optar por alternativas sostibles. Distintos países xa están tomando cartas no asunto e a Unión Europea xa se posicionou ao respecto (é o caso da Estratexia de Plásticos e a aposta do Parlamento Europeo por prohibir os plásticos dun só uso a partir do ano 2021, tendo en conta que aglutinan o 70% do lixo mariño).
Non obstante, tal e como sinala a Fundéu BBVA, “máis aló das normas e leis, parece obvio que, do mesmo xeito que a suma de millóns de actitudes individuais creou un problema, será tamén a suma de xestos de cada un de nós a que contribúa a solucionalo. As solucións, como o problema e como as palabras que empregamos para nomealos, son de todos ”.
Fonte: www.fundeu.es
Imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación