- Ao longo dos próximos días, esta empresa pública repartirá unha edición limitada que sacou á luz baixo o lema “Sempre contigo” a fin de contribuír a dar visibilidade a unha enfermidade que afecta a moitas mulleres, pero que se pode vencer.
Cerceda, a 18 de outubro de 2019.- Mañá, 19 de outubro, conmemórase o Día Mundial contra o Cancro de Mama, o tumor máis frecuente nas mulleres occidentais.
Co fin de contribuír a dar visibilidade a unha enfermidade que cada día sorprende e angustia a moitas persoas, Sogama uniuse á causa sacando unha edición limitada de minicontedores de cor rosa co lema “Sempre contigo”.
En calidade de empresa pública comprometida co medio ambiente, a saúde e o benestar da cidadanía, con este xesto quere alentar e animar ás mulleres que padecen esta doenza a continuar na loita; unha batalla que se pode gañar, e de feito se gaña, desde a valentía, o optimismo, a ilusión e a esperanza, sendo o diagnóstico precoz unha das principais armas para combatela.
É por isto que, durante os próximos días, a Sociedade Galega do Medio Ambiente entregará, no transcurso das distintas accións educativas que leve a cabo en centros educativos e colectivos sociais, partidas de minicontenedores rosa para que nenos e maiores garden neles os seus pequenos obxectos favoritos ou ben eses bolígrafos e lapis cos que cada día escriben e dan forma ás súas ilusións, sen esquecer que vivir significa tamén loitar contra a enfermidade e que esa loita sempre é máis levadía coa comprensión e o apoio do conxunto da sociedade.
Sogama, “Sempre contigo”
Foto: Javier Domínguez Lino, presidente de Sogama (dereita) e Isidro García Téllez, director xeral de Sogama (esquerda).
Saúdos, Departamento de Comunicación