- Esta iniciativa conta co apoio de Sogama, quen comparte plenamente o seu obxectivo, orientado cara á descarbonización de Galicia grazas á conversión de residuos en recursos de alto valor engadido
- O evento, celebrado esta mañá na sede de Viaqua, en Santiago de Compostela, contou coa participación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde
- CIGAT Circular é un proxecto de colaboración entre Viaqua, Cetaqua Galicia e a Xunta de Galicia, canalizado a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Santiago, a 1 de febreiro de 2023.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, asistiu esta mañá ao acto de presentación do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, celebrado na sede de Viaqua, en Santiago de Compostela, e que contou coa participación do vicepresidente 1º da Xunta de Galicia e Conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, entre outras autoridades.
PECHANDO O CÍRCULO
CIGAT Circular é un proxecto de colaboración entre Viaqua, Cetaqua Galicia e a Xunta de Galicia, canalizado a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que ten por obxecto a descarbonización de Galicia grazas á conversión de residuos en recursos de alto valor engadido, un reto ao que tamén quere contribuír Sogama coa súa actividade en aras a seguir avanzando cara a unha verdadeira economía circular.
Tal e como explicou Teresa Alvariño, xerente de Cetaqua Galicia, o proxecto integra cinco liñas de traballo: “a primeira, céntrase en tratamentos avanzados para a eliminación de microplásticos e a obtención de auga reutilizable; a segunda, no aproveitamento enerxético para a obtención de hidróxeno verde e biometano. A terceira liña, baséase na produción de bio-compostos de alto valor engadido, e, a cuarta, na recuperación de nutrientes e celulosa. Por último, levará a cabo unha quinta liña de traballo baseada no desenvolvemento dunha plataforma dixital circular”.
Cun orzamento de 3,5 M€, o Centro Mixto xerará 12 postos de traballo cualificados de nova creación e mantemento.
FORMACIÓN PARA FACER FRONTE AOS NOVOS RETOS
Así mesmo, estableceuse un marco de colaboración co Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, onde se desenvolverá boa parte das actividades de CIGAT Circular co fin de promover a innovación e a economía circular no ciclo da auga dunha maneira multidisciplinar, a través da participación de distintas familias do FP en Galicia, como a química, a de enerxía e auga, a de fabricación mecánica ou a de informática e telecomunicacións. Desta forma, posibilitarase que o alumnado reciba unha formación vinculada aos novos retos.
COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA, CLAVE
O acto foi clausurado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, así como polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Ademais de trasladar as súas felicitacións polo labor desenvolvido, Conde destacou a importancia de continuar traballando proxectos de I+D+i que fomenten a colaboración público-privada, pois esta, xunto coa innovación e o coñecemento, “resultarán claves para enfrontar con garantías os retos futuros aos que nos enfrontamos e os axentes implicados temos que seguir camiñando xuntos e sumar para superalos con éxito”.
Fonte e imaxe: Viaqua
Más información en: www.umcigat.es