- Baixo o título “A Transición Enerxética no medio rural: economía circular e mobilidade”, a directora xeral de Sogama explicará o gran reto que supón xestionar de forma sostible os residuos municipais en comunidades con alta dispersión poboacional, as barreiras a superar para lograr unha loxística descarbonizada e o potencial enerxético que alberga a parte non reciclable dos residuos
Cerceda, a 10 de xullo de 2023.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, participará, en calidade de relatora, na quinta edición do Curso Executivo “Transición Enerxética en España”, coorganizado polo Instituto Atlántico de Goberno, SL (Atlántico Instituto de Estudos) e Fundación Repsol, estando orientado a profesionais interesados en adquirir coñecementos de actualidade sobre os retos e oportunidades para lograr unha Transición Enerxética que sexa sostible, xusta e eficiente.
Enmarcado no obxectivo establecido por Europa de ser o primeiro continente climaticamente neutro en 2050, debendo para isto reducir as súas emisións e, polo tanto, descarbonizar a economía, o curso arrinca hoxe mesmo, 10 de xullo, e desenvolverase vía en liña, concluíndo o vindeiro mércores, día 12.
Tres xornadas con 16 conferencias de expertos
Ao longo de tres xornadas, este evento acollerá 16 conferencias impartidas por expertos do sector, os cales abordarán, entre outras temáticas, os avances en xeración renovable e almacenamento enerxético, o hidróxeno como vector enerxético e o seu impacto na transición enerxética, a descarbonización da industria e das cidades, a economía circular e a utilización de residuos como materia prima, os retos da mobilidade sostible, os combustibles renovables, a captura, uso e almacenamento de carbono, e o rol do gas na transición enerxética.
O curso contará coa participación de representantes de Repsol, APPA (Asociación de Empresas de Enerxías Renovables), Energy Insights McKinsey, Universidade de Barcelona, Universidade Pontificia de Comillas e Politécnica de Valencia, Asaja (Asociación Agraria de Novos Agricultores), Axencia Andaluza da Enerxía, Fuseam, Enagás e Sogama.
Neste último caso, e baixo o título “A Transición Enerxética no medio rural: economía circular e mobilidade”, Mirta Sueiro explicará de forma pormenorizada o gran reto que, no caso de Galicia, unha comunidade eminentemente rural e con eleva dispersión da poboación, supón xestionar de forma sostible os residuos municipais, as barreiras que deben superarse para alcanzar unha loxística descarbonizada e o potencial enerxético, 50% renovable, que alberga a parte non reciclable dos residuos.
Entidades organizadoras
Atlántico Instituto de Estudos é unha institución académica que nace coa vocación de fomentar o estudo e a aprendizaxe de coñecementos especializados sobre as políticas públicas e o funcionamento das institucións.
Pola súa banda, Fundación Repsol constitúe un piar estratéxico no compromiso de Repsol coa transición enerxética e a construción dun mundo máis sostible. O seu propósito está aliñado coa estratexia global da compañía e segue o camiño marcado polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o Acordo de París.
Máis información en https://cursotransicionenergetica.es/
Saúdos, Departamento de Comunicación