- Durante a súa intervención, a directora xeral de Sogama destacou o labor desta empresa pública na xestión sostible dos residuos municipais xerados na meirande parte do territorio galego, así como a súa contribución á produción enerxética da comunidade a través da valorización dos refugallos non reciclables
- Con carácter previo, levouse a cabo o primeiro foro sobre biogás e biometano en Galicia no que interviñeron representantes de empresas e centros tecnolóxicos de referencia para dar a coñecer o estado actual da tecnoloxía e o mercado, así como algúns dos proxectos que se están a desenvolver
Cerceda, a 10 de novembro de 2023.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, participou o pasado venres, 3 de novembro, nunha nova edición do xantar sectorial organizado por Cluergal, e que nesta ocasión tivo lugar en Vigo, concretamente no Círculo de Empresarios.
Con carácter previo, levou a cabo o primeiro foro sobre biogás e biometano en Galicia no que interviñeron representantes de empresas e centros tecnolóxicos de referencia para dar a coñecer o estado actual da tecnoloxía e o mercado, así como algúns dos proxectos que se están a desenvolver na comunidade.
O foro, inaugurado por Nonito Aneiros, secretario de Cluergal, e Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais dá Xunta de Galicia, contou coas achegas de María Luz Rivas Díaz, directora de zona de Prezero, quen expuxo os retos actuais da biometanización como solución á descarbonización, e de Mónica Figueroa Leiro, responsable de bioenerxía de EnergyLab, que dou conta do despregamento do biogás en Galicia. Pola súa banda, Salvador Jorge Mora, delegado de proxectos de biometano para a zona Norte en Naturgy, explicou os puntos críticos a analizar para viabilizar o desenvolvemento dun proxecto de biometano, e Iván Rodríguez Verde, director técnico e cofundador de Icoda, dou a coñecer a tecnoloxía para a optimización e a súa importancia en proxectos e operación de plantas de biogás e biometano.
O programa complementouse cos relatorios de José Ramón Vázquez Padín, do Departamento de Innovación e Tecnoloxía de Aqualia, quen presentou as solucións e tecnoloxías que permiten a extracción de valor no ciclo da auga e a produción de bioenerxía, biofertilizantes e auga rexenerada, e o de Adela de la Orden, técnico de explotación de Sologas, quen debullou o proxecto pioneiro de produción de biometano (BioGNL) para uso no transporte, desenvolvido nas Somozas (A Coruña).
Así mesmo, Carlos Lamora, director de EDAR Bens, detallou o proxecto de planta de biometano da depuradora da Coruña, e Iago Jove Neira, enxeñeiro do Departamento de Bioenerxía de Norvento, fixo o propio cun proxecto de economía circular e de descarbonización na industria cárnica a modo de exemplo real de autoconsumo con biogás en Galicia. Ademais, Daniel Prieto, CEO de Soltec Enxeñeiros, presentou o proxecto Julio Verne de Hidróxeno Verde no porto de Vigo, e Susana Benedicto, de Repsol, falou do papel fundamental que xoga o hidróxeno renovable na estratexia de descarbonización da compañía.
Contribución de Sogama á produción enerxética en Galicia
Mirta Sueiro, directora xeral de Sogama, protagonizou o xantar sectorial promovido por Cluergal, onde destacou o labor desta empresa pública, centrada na xestión sostible dos residuos municipais producidos na meirande parte do territorio galego, facendo especial fincapé na contribución da empresa á produción de enerxía en Galicia a través da valorización enerxética da parte non reciclable, coa particularidade de que é renovable nun 50%. Sogama xera o equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación