- A experiencia da directora xeral de Sogama forma parte dunha exposición que pode visualizarse na Facultade de Enxeñería Química da USC e que foi promovida pola Comisión de Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Muller na Enxeñería
Cerceda, a 13 de outubro de 2023.-Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller na Enxeñaría 2023, a Universidade de Santiago de Compostela quixo mostrar como esta disciplina pode contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), á vez que pon de relevo o importante labor que as mulleres desempeñan neste sector.
Así, a Facultade de Enxeñaría Química da USC, a proposta da Comisión de Igualdade, acolle unha exposición na que se mostra a traxectoria profesional de destacadas egresadas de distintas promocións coa pretensión de dar visibilidade ás súas carreiras e achegas ao progreso, á ciencia, á educación, e tamén a un mundo máis xusto, equitativo, igualitario e sostible.
Enxeñeira Química pola USC (promoción 2009-2012) e enxeñeira técnica industrial pola Universidade de Vigo, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, desenvolveu boa parte da súa carreira profesional no sector enerxético, concretamente en Barcelona, Madrid e Europa. Hai case 1 ano retornou a Galicia cun obxectivo claro: “achegar o meu coñecemento e experiencia para contribuír á transición da comunidade galega cara a un modelo de economía circular”.
No seu panel de presentación, que forma parte da exposición referenciada, explica que estudou enxeñaría química pola súa clara vocación para resolver problemas e unha gran curiosidade no coñecemento que vai máis aló da evidencia. O feito de que na súa profesión teña que enfrontar retos diferentes cada día, é o que realmente lle divirte e apaixona.
Considera que, no ámbito da enxeñaría, a muller achega curiosidade, enxeño, esforzo, perseveranza, sacrificio, intelixencia emocional e unidade, imprescindible para que a sociedade poida crecer e evolucionar.
Respecto dos 17 ODS que marcan a folla de roteiro para a presente década, asegura que, o feito de traballar nunha empresa pública ligada ao medio ambiente e á sostibilidade, permítelle aliñarse con practicamente todos eles.
O seu lema: “Pensemos onde queremos chegar sen ter en conta como de difícil é o camiño para conseguilo”.
Saúdos, Departamento de Comunicación