- O editorial, do que é autor o presidente executivo da Sociedade, Javier Domínguez, abunda na actual crise enerxética e cuestiona a aplicación do imposto establecido polo Estado á valorización enerxética
Cerceda, a 21 de decembro de 2022.- O boletín informativo de Sogama correspondente ao presente mes de decembro, e que xa alcanza o número 53, abre o seu contido con senllas entrevistas realizadas á nova directora xeral desta empresa pública, Mirta Sueiro, e ao presidente do Grupo Nove, Daniel Guzmán.
O editorial, que leva por título “O imposto que impón”, e do que é autor o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, abunda na actual crise enerxética e cuestiona a aplicación do imposto establecido polo Estado á valorización enerxética, toda vez que este sistema pon en valor os residuos non reciclables mediante a súa conversión en electricidade, un ben de incuestionable importancia a día de hoxe, xa que evita que esta fracción acabe depositada en vertedoiro, a peor das opcións. Así mesmo, alude á inoportunidade deste tributo nun momento no que a alta inflación lastra sen piedade os petos dos cidadáns.
Mirta Sueiro, Enxeñeira Técnica Industrial e Enxeñeira Química, que asumiu o cargo o pasado 24 de outubro, asegura que quere achegar a Sogama “mellora, crecemento e afán de superación imparable”, ao que engade que “pretendo apoiar unha cultura corporativa aberta á colaboración, que poña no centro ao cidadán galego”. Así mesmo, considera que para ela é unha boa no z ser a primeira directora xeral de Sogama, “pero tamén para o resto de mulleres, sendo un síntoma claro de que as cousas están a cambiar”.
Pola súa banda, Daniel Guzmán, sinala que os profesionais do sector da restauración que fundaron o Grupo Nove, uníronse para dar visibilidade a unha nova maneira de entender a gastronomía, pero sen perder o foco nos piares fundamentais, isto é, produtos, produtores, territorio, saber facer, etc. Así mesmo, alude a que “non hai maior exemplo de economía circular que unha pequena aldea galega, onde o aproveitamento dos recursos e a responsabilidade de preservalos era o día a día”.
NOVAS DE INTERESE
O boletín compleméntase con curiosidades e informacións de interese, tanto a nivel nacional como internacional, e novas de actualidade protagonizadas por Sogama, a través das cales se dan a coñecer as distintas novidades vinculadas ao contedor marrón, a evolución das obras correspondentes ás instalacións que conformarán a infraestrutura industrial para a valorización da materia orgánica en Galicia, así como a nova edición de programas educativos da entidade para o período académico 2022-2023.
Tamén se dá conta dos últimos eventos e visitas institucionais e empresariais ao Complexo Medioambiental de Sogama por parte de colectivos tales como Cetaqua, Aeversu, Asplarsem, a Asociación Española do Café, Esgra (Portugal) e empresas adheridas a Ecoembes, entre outros.
Ligazón boletín: https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2022/12/Newsletter...
Saúdos, Departamento de Comunicación