- Disto deixou constancia durante a súa intervención nun foro promovido polo diario elEconomista.es, e celebrado en Madrid, centrado no comportamento da empresa pública ante retos tales como a transformación dixital e o cumprimento dos ODS
- Entre outras cuestións, a directora xeral de Sogama incidiu na pretensión desta compañía de facer unha xestión anticipativa para asegurar o cumprimento de obxectivos ambientais e contribuír á circularidade de Galicia
Cerceda, a 22 de abril de 2024.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, participou recentemente en Madrid, convidada polo diario dixital elEconomista.es, nun foro que, baixo o título “O futuro das empresas públicas 2030”, centrouse no comportamento da empresa pública ante retos de calado tales como a transformación dixital, a incorporación dos principios da Axenda 2030 e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Xunto con representantes e portavoces de diversas sociedades estatais e autonómicas tales como ENUSA, SEITT, SENASA, SASEMAR e CILSA-ZAL Port, ademais da tecnolóxica Inetum, Sueiro Costoya achegou a súa visión en calidade de directiva dunha compañía autonómica público-privada, adscrita á Xunta de Galicia, encargada de xestionar os residuos municipais producidos por 295 concellos (máis de 2,2 millóns de habitantes) caracterizados pola súa diferente tipoloxía e elevada dispersión poboacional.
Durante a súa alocución, incidiu na clara conexión da actividade de Sogama con practicamente todos os ODS, o esforzo investido no cumprimento dos mesmos, así como na dificultade de acadar o difícil, pero necesario, equilibrio entre a dimensión económica, ambiental e social, clave para a verdadeira sostibilidade.
Igualmente, subliñou a pretensión desta compañía de levar a cabo unha xestión anticipativa que lle permita asegurar o cumprimento de obxectivos ambientais e, en consecuencia, contribuír á circularidade de Galicia. “Unha xestión que se traduza en beneficios para toda a comunidade”, concretou.
Relacións fluídas cos grupos de interese
Tal e como manifestou a directora xeral, a decisión da compañía é precisamente “priorizar aqueles ODS nos que consideramos podemos achegar máis valor”. Para isto, salientou a necesidade de que a Sociedade Galega do Medio Ambiente avance cara a unha maior proactividade e axilidade orientada a resultados, poñendo de relevo a axuda que, neste sentido, achega a tecnoloxía ao propiciar unha maior fluidez nas relacións cos distintos grupos de interese.
E como exemplo puxo as reunións en liña, que agora permiten ter un diálogo máis aberto, construtivo e frecuente no tempo cos concellos, así como as formacións en liña, que propician un notable aforro de recursos, cubrindo as necesidades de máis colectivos.
Outra das melloras ás que aludiu Mirta Sueiro foi a implantación dunha visita virtual polas instalacións que conforman o Complexo industrial de Sogama e que permite aos distintos colectivos, sobre todo a aqueles con maiores limitacións por razóns físicas ou de idade, ver todo o proceso de tratamento de residuos, pero sen riscos e coa máxima comodidade, dotando á empresa de maior transparencia.
Así mesmo, subliñou que a inclusión e a igualdade tamén están presentes nas licitacións e deben ser adoptadas obrigatoriamente polos adxudicatarios. “Non só debemos servir de exemplo, senón que tamén debemos esixir aos nosos contratistas o cumprimento de determinados principios”, indicou.
Alianza público-privada: imprescindible
Respecto da colaboración público-privada, cualificouna como “imprescindible”, xa que, “ademais de dotar de axilidade á xestión, achega talento”, máis limitado no caso da empresa pública ao estar previamente definidos os salarios, podendo xogar a privada con incentivos de maior calado.
Saúdos, Departamento de Comunicación